Mañá entra en vigor a nova ordenanza reguladora da Zona Azul de Tui con control do estacionamento mediante cámaras de lectura de matrículas
Con esta medida agárdase contar cunha maior rotación de vehículos nas rúas establecidas, así como facilitar á veciñanza e visitantes a realización de compras e xestións
Aparcar en pleno centro urbano para facer un recado, acudir a unha consulta médica, realizar unha xestión ou consumir no comercio local, será máis doado dende mañá grazas á entrada en vigor da nova ordenanza reguladora da Zona Azul.
Dende mañá mércores, 11 de febreiro, preto de 150 prazas de aparcamento no centro urbano contarán con estacionamento gratuíto limitado no tempo que será controlado mediante cámaras de lectura de matrícula. Deste xeito, o control farase de xeito automático co obxectivo de facilitar a rotación de vehículos destas prazas, lograr un uso equitativo dos espazos dispoñibles para estacionar, promover un uso peonil das rúas e favorecer a fluidez do tráfico rodado. A medida favorecerá o acceso da cidadanía aos establecementos comercias, organismos públicos e zona monumental, estimulará a economía e desenvolvemento da cidade e trasladará o estacionamento de vehículos de longa duración aos aparcamentos de gran capacidade, tal e como recolle a propia ordenanza.
Nas rúas Foxo, Travesía Foxo, Rosa Bahamonde, Augusto González Besada, Lugo, Praza de Galicia, Mondoñedo, e Betanzos poderase estacionar un máximo de 2 horas. Na rúa Coruña e no tramo final do Paseo de Calvo Sotelo até a rúa Ordóñez, o tempo máximo de estacionamento será de 1 hora. Estas rúas contan coa correspondente sinalización de Zona Azul, e cámaras de lectura de matricula na entrada e saída de cada zona. O horario de aplicación do estacionamento limitado no tempo é de luns a venres de 9 a 14 h e de 16 a 21 h, non contando con limitacións de permanencia fóra dese horario, nin os sábados, domingos ou festivos.
O Concello de Tui puxo en marcha unha aplicación móbil, Aparca&Tui, na cal se recolle toda a información da zona azul e se resolven as preguntas frecuentes. Ademais, pódense consultar as rúas en que está vixente. No momento de aparcar, a persoa poderá escanear o código QR do sinal se desexa recibir unha mensaxe no seu dispositivo móbil do tempo de estacionamento que resta. Se ben esta última acción de escanear o código é opcional.
As persoas que dispoñan de praza de garaxe nestas rúas deberán dar de alta o seu vehículo ben presencialmente na casa do concello, a través da sede electrónica ou da APP Aparca&Tui, presentando a documentación xustificativa. No caso de producirse algunha variación no vehículo ou, puntualmente, ser a praza ocupada por outro coche, deberán comunicalo a través da APP. No Concello de Tui foron dadas de alta xa máis de 350 matrículas de persoas que contan con garaxe nesta zona.
En Zona Azul están establecidos distintos puntos de carga e descarga que poden ser empregados para este servizo en horario de 8 a 12 h e de 16 a 18 h. Para iso débese rexistrar a través do código QR do sinal o vehículo de reparto. O tempo máximo de estacionamento para estas tarefas é de 30 minutos.
Hai tamén establecidas prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida que contarán co dobre de tempo para estacionar (4 horas, salvo no tramo de rúa Coruña a Ordóñez, que será de 2 horas). Deberán rexistrar a través do código QR a súa matrícula na aplicación Aparca&Tui no momento no que estacionen nalgunha desas prazas reservadas.
Unha vez transcorrido o tempo máximo de estacionamento permitido, o vehículo poderá volver entrar e aparcar en Zona Azul, de existir unha praza dispoñible. As lecturas das matrículas serán borradas transcorridas 48 horas no caso de non rexistrarse ningunha infracción.
Durante o primeiro mes da entrada en vigor da nova ordenanza, o Concello de Tui avaliará o funcionamento do sistema e resolverá incidencias ou dúbidas que poidan xurdir. Transcorrido ese prazo, o 11 de marzo, comezarase a aplicar o réxime sancionador.
Non poderán estacionar na Zona Azul os vehículos de PMA superiores a 3.500 kg., salvo autorización expresa. Mentres os ciclos, ciclomotores e motocicletas deberán aparcar nas zonas habilitadas de xeito específico para eles.
Coa posta en marcha deste control automático da Zona Azul, o Concello de Tui agarda dotar de efectividade a estas zonas de estacionamento gratuíto limitado, que foi aprobado xa en 2008, e que até o de agora se controlaba mediante a utilización dun disco comprobante do horario que resultou ineficaz.





