Pronóstico de Tutiempo.net
Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá comeza o IV Torneo de Tenis da Eurocidade con 200 inscritos

14/09/2017

Terá lugar nas pistas de tenis de Areas, en Tui, e das piscinas de Valença ata  1 de outubro

. Mañá venres, 15 de setembro, ás 17h comeza o IV Torneo de Tenis da Eurocidade que se vai disputar ata o domingo, 1 de outubro,  nas pistas de tenis de Areas e nas da piscina municipal de Valença. Está organizado polo Club Tenis Tui coa colaboración da Eurocidade Tui-Valença.

A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá na casa do concello a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, e o representante do Club Tenis Tui, Luís Saracho.

Este IV Torneo logrou unha participación similar ao do ano pasado con preto de 200 inscritos nas distintas categorías procedentes de todo o Baixo Miño, Ponteareas, Mondariz, Vigo, Redondela ou Ourense, así coma tamén de Portugal. Os partidos terán lugar de luns a venres de 17 a 22h e os sábados e domingos de 9.30h a 22h.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou que o “plus” que ten este torneo debido ao seu carácter transfronteirizo, ao que felicitou ao club Tenis Tui polo traballo que realizan ao longo do ano e na organización desta relevante proba. Tamén recoñeceu que é preciso mellorar as infraestruturas deportivas de tenis e afrontar novos retos brindando tamén o espazo para a práctica doutras modalidades coma o padel.

Mentres o concelleiro de Deportes, Laureano Alonso, destacou que este torneo forma para das actividades deportivas da Eurocidade Tui-Valença, que ten amais a connotación de que os partidos se disputan tanto en Tui coma en Valença. Ao tempo que felicitou ao club Tenis Tui pola traxectoria deste evento que reúne a máis participantes en cada edición.

Por último Luís Saracho, do Tenis Tui, amosou a vontade que ten o club de que este torneo siga sendo popular, non descartando no futuro poder organizar tamén un dirixido a xogadores federados.  Destacou amais o gran éxito de participación que rexistran situando este evento entre os que máis xogadores reúne na provincia.