Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mañá ás 12 h inaugúrase a exposición “O esforzo in-visible das deportistas tudenses”

10/03/2023

No Paseo da Corredoira visibilizaranse os éxitos de once mulleres en distintas disciplinas deportivas

Mañá sábado, 11 de marzo, ás 12 h inaugurarase no Paseo da Corredoira a exposición “O esforzo in-visible das deportistas tudenses”. A mostra organizada dentro da programación “Ocupemos o noso lugar” conmemorativa do Día Internacional das Mulleres busca visibilizar as deportistas tudenses e o seu esforzo en distintas disciplinas.

Así protagonizan esta mostra Sara Tui, Campioa do Mundo de Fútbol Praia, Marisa Giráldez, medalla ao Mérito Deportivo de Galicia, Aida Valiño, subcampioa de Europa e de España de Triatlón, Anita Rodríguez, exxogadora da 1ª División Nacional de Balonmán, Carmen González, subcampioa de España de Judo, Eva María Ara, xogadora de Kaiak Polo integrante da Selección Nacional, Leticia Barbosa, 5ª no Campionato de España Absoluto de Atletismo, Loli Pedrares, campioa de España de lanzamento de Martelo, Nuria Domínguez, remeira olímpica, Susana Fontán, campioa de España de Tiro Olímpico, Tania Fernández, campioa do Mundo de Piragüismo.

Mañá a inauguración contará coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Igualdade, Ana Núñez, do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e de boa parte das deportistas protagonistas da exposición.

Dentro da programación do 8M o domingo realizarase o Roteiro Camiñando con Elas que partirá ás 11 h da rúa Rosa Bahamonde para realizar un percorrido polo centro urbano por distintos lugares ligados a dez mulleres tudenses. Para participar é preciso inscrición previa na Oficina de Turismo.