Máis de medio millar de persoas coñeceron este verán o patrimonio tudense
Máis de medio millar de persoas participaron este verán nas seis actividades que conformaron o programa “Coñece o noso patrimonio”, organizado polo Instituto de Estudos Tudenses en colaboración coa Concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui.
Esta iniciativa pechouse cun éxito rotundo de participación nas rutas guiadas, conferencias e visitas especializadas a cargo de investigadores e expertos propostas ao longo dos meses de xullo e agosto, confirmando o crecente interese da cidadanía polo patrimonio cultural tudense.
O programa rematou hai un días con máis dun centenar de persoas participaron na visita guiada á Igrexa de San Telmo, da man do historiador da Arte José Ramón Fernández. As persoas que participaron na actividade puideron visitar tanto o interior da cripta coma da igrexa do patrón tudense.
Previamente tamén tivo unha gran acollida á visita conducida pola profesora da USC, Marta Cendón, sobre a escultura románica e gótica. Este ano o programa estendeuse tamén a Valença onde se realizou un percorrido polo mosteiro de San Fins de Friestas guiado polo investigador e membro do Instituto de Estudos Tudenses, Narciso Serra.
Previamente tivo lugar un exitoso paseo literario conducido pola escritora Marga do Val polas rúas históricas de Tui; a conferencia do historiador Rafael Sánchez Bargiela sobre os 700 anos da peregrinación da Raíña Santa; e a camiñada comentada polo Camiño Portugués con motivo da festividade de Santiago.
Desde o Instituto de Estudos Tudenses salientan que este programa ten como obxectivo fomentar o coñecemento, a posta en valor e a conservación do rico patrimonio da cidade, ofrecendo cada verán actividades de carácter divulgativo abertas a toda a poboación.
Pola súa banda, a concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez Álvarez, agradeceu o traballo do IET e subliñou “a magnífica resposta a esta iniciativa que demostra que o noso patrimonio é tamén un motor cultural e social para Tui”.