Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 600 personas participan no Desfile de Entroido o martes 16 en Tui

12/02/2010

Será o martes 16 ás 17.30 nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos,

 Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda

Máis de 600 persoas participarán no Desfile-Concurso de Tui

Hai 12 comparsas e 2 grupos en competición que se repartirán 4.500€ en premios

 

Venres, 12 de febreiro de 2010. Todo está preparado para que o próximo martes, 16 de febreiro - festivo local na cidade- se celebre o tradicional Desfile-Concurso de Entroido en Tui. Comezará ás 17.30h.

 

Máis de 600 persoas participarán nesta cita co Entroido Tudense que este ano incorpora coma principais novidades a apertura do concurso a grupos, que serán os encargados de abrir o desfile, seguidos das comparsas e carrozas.  Son dous grupos de Tui os inscritos "Polo puto aire" e "A choiva dos pequenos". No apartado de comparsas participan un total de 12 das que 7 son de Tui, 2 de Tomiño, 1 de Redondela, 1 de Gondomar e outra de Salceda.  Nas súas recreacións haberá evocacións dos piratas somalís, o xacobeo, os vikingos, unha festa medieval, ou unha homenaxe a Michael Jackson.

 

O Concello de Tui vai repartir 4.500 euros en premios máis trofeos nas distintas categorías ao que se suman as cantidades fixan por participación que totalizan 6.100€. En conxunto o ornamento do Entroido acada os 21 mil euros.

 

En premios este ano introducíronse dúas novidades. Por unha parte creouse a categoría de "Parodia" buscando recuperar o espíritu do Entroido Tudense. E por outra consígnase unha cantidade de 450€ que o xurado poderá repartir ao seu criterio.

 

As rúas por onde transcorre o desfile son Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda, que están convenientemente adornadas e iluminadas.

 

Participación do Enterro do Bacallau

 

Nas bases deste Desfile-Concurso recóllese que para que os premios e os accésit sexan abonados as comparsas e grupos deberán acudir na súa totalidade, de rigoroso loito ao Enterro do Bacallau, a celebrar o domingo 21 de febreiro. O enterro partirá da Praza de San Fernando, ás 19.30 h.

 

Peche de rúas ao tráfico por mor do Desfile

 

A Policía Local informa que co gallo da celebración do tradicional Desfile de Comparsas e grupos o martes 16 dende ás dúas da tarde e ata ás dez da noite estarán pechadas ao tráfico, non podendo estacionar nas mesmas, as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo

 

Desfile Concurso de Entroido

Data e hora:  Martes, 16 de febreiro, ás 17.30h

Lugar: Circuíto polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda