Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 600 persoas visitaron xa a mostra “Artistas Tudenses” que pecha o próximo luns

13/05/2022

Reúne a obra de trinta e dous creadores e creadoras tudenses

Máis de 600 persoas teñen visitado ao longo das última semanas a mostra “Artistas Tudenses” que até o próximo luns, 16 de maio, está na Sala Municipal de Exposicións no edificio Francisco Sánchez.

A mostra, organizada pola concellería de Cultura do Concello de Tui, recolle unha escolma da obra dunha trintena de artistas tudenses nas diversas disciplinas artísticas.

Dende a súa inauguración, o pasado 16 de abril no inicio das festas patronais de San Telmo, esta mostra ten suscitado o interese da veciñanza.

A exposición abrangue obras dende o século XVIII ata a actualidade, comezando por unha obra de  Benito Antonio Silva y Ruibal,  cunha pintura titulada “Pentecostés” de 1783, na actualidade propiedade do Concello de Tui, e que procede dalgún convento tudense desamortizado, posiblemente o convento franciscano de San Antonio, pasando por obras de Ricardo Padín e o seu fillo Eduardo, de Benito Prieto Coussent, dos irmáns Gonzalo e Jaime González Besada, ou da pintora e escritora Gloria Pereira García, María Tydeska.

Tamén os nomes máis referenciais como Silverio Rivas ou Xosé Luis de Dios testemuñan un alto nivel de calidade nesta mostra representativa da arte tudense. Figuran tamén obras de Moise Dikoff, Rai, Juan Vázquez, Romer ou Andrés Lamas, no ámbito da escultura, namentres que na pintura contamos con obras de Juan Vázquez, Clara Torres, Luis Coello, Escuder, Martín Rodríguez, Rosa Vila, Nuria Buján, Beatriz Iglesias Almeida, Juan Valcarcel, etc

Complétase a exposición cunha escolma de fotógrafos, que se inicia coa figura de Santos Salvado, que nas últimas décadas do século XIX, fotografía a misión beneditina de Nova Nursía, en Australia, fundada polo seu irmá Frei Rosendo Salvado. Xunto a el nomes como Pedro Varela, Rosendo Bugarín, Gonzalo Gutiérrez, Juan Vila ou Gus Abreu.

Para a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, “a mostra recolle nomes tudenses vinculados ás diversas expresións e modalidades artísticas, que expresan coas súas obras a súa capacidade creativa e de Comunicación”. Engade que son “unhas obras que nos enriquecen como sociedade, que nos axudan a ollar de novos, e ás veces alternativos, xeitos a nosa realidade, a ter a capacidade de sumar á nosa mirada á diversa percepción que estes artistas expresan coa súa creatividade”.