Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 600 peregrinos pasaron nos meses de marzo e abril polo albergue de Tui

24/05/2011

Máis de 600 peregrinos pasaron nos meses de marzo e abril polo albergue de Tui

Superáronse as cifras do pasado ano 2011

 

Martes, 24 de maio de 2011. O Albergue oficial do Xacobeo na cidade de Tui ten acollido nos pasados meses de marzo e abril un total de 602 peregrinos, con 224 aloxados no mes de marzo e 378 no pasado mes de abril. Son uns datos superiores aos do pasado ano 2010, Ano Santo Xacobeo, cando foron acollidos no albergue 584 peregrinos.

 

Con estas cifras testemúñase, nunha nova oportunidade, o gran atractivo que posúe o Camiño Portugués que inicia na cidade de Tui o seu percorrido por Galicia. Este roteiro histórico coñece cada día un incremento do número de peregrinos que avalan o seu carácter de segundo itinerario xacobeo en importancia.

 

Así de novo a cidade de Tui aparece nas estatísticas oficiais da arquidiocese de Santiago no pasado mes de abril como terceiro lugar de saída dos peregrinos con 753 persoas (5,32%) que parten da cidade, logo de Sarria e o Cebreiro no camiño francés. Nese mesmo mes foron un total de 2369 (16,75%) os peregrinos que pasaron pola cidade no seu camiño cara a Compostela.

 

A maioría dos peregrinos acollidos no albergue tudense son de procedencia europea: Alemaña, Francia, Italia, Suíza, Irlanda, Holanda, Eslovenia, Lituania, Reino Unido, e Portugal... pero tamén de países máis lonxanos como Xapón ou Corea. No caso dos procedentes de España, salientan de maior a menor, os peregrinos de Galicia, Madrid, Baleares, Canarias, Murcia, Andalucía, Extremadura, Valencia e Cataluña.

 

Para o concelleiro de Cultura en funcións do Concello tudense, Moisés Rodríguez Pérez, estes números avalan o traballo desenvolvido no pasado ano na promoción do camiño portugués do que agora se recollen os froitos consolidando este itinerario de peregrinación como o segundo en número de peregrinos. O Concello de Tui segue apoiando este itinerario de peregrinación garantindo o coidado do roteiro ao seu paso por Tui e ofrecendo, a través da Oficina Municipal de Turismo, a información e asesoramento que precisan os peregrinos ao seu paso pola cidade. Ao tempo o Concello garante a acollida dos grupos de peregrinos e mesmo se fose o caso por estar completo o Albergue oficial do Xacobeo, ubicando no casco histórico tudense ao carón da catedral.