Máis de 320 nenos e nenas disputarán o IV Torneo Eurocidade de Fútbol 7 esta fin de semana
A competición comezará simultaneamente mañá en Tui e Valença ás 10h, coa participación de 32 equipos. A final xogarase o domingo ás 12h
Venres, 18 de setembro de 2015. Máis de 320 nenos e nenas disputarán o IV Torneo Eurocidade de Fútbol 7 esta fin de semana en Tui e en Valença. Hoxe, ás 12.30 horas españolas, na sala de concelleiros do Concello de Tui, tivo lugar a presentación do IV Torneo Eurocidade de Fútbol 7, organizado pola Eurocidade Tui- Valença, en colaboración co S.D. Valenciano e do Tyde F.C., que se disputará nas instalacións deportivas Álvarez Durán de Tui e Dr. Lorenzo Raimundo de Valença.
Na presentación estiveron os concelleiros de deportes de Tui e Valença, Laureano Alonso e José Monte, respectivamente, o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón Rey, así como os responsables do S.D. Valenciano, o señor Moura e do Tyde F.C, Elías Vieiro.
O concelleiro de Deporte de Tui, Laureano Alonso deu conta que "esta é unha iniciativa moi interesante para as dúas cidades, na que se fomenta o deporte base e na que participan clubs de renome coma o Celta de Vigo e o Benfica". O seu homólogo, José Monte, declarou que o torneo é a demostración do empeño e da unión dos cidadáns da Eurocidade. Quixo facer finalmente unha invitación ós cidadáns para asistir ós campos do Tyde e do Valenciano.
Pola súa banda, o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón Rey, incidiu que o deporte ensínalles valores ós máis cativos como a solidariedade e o traballo en equipo, e que este tipo de actividades forman parte do espírito da Eurocidade.
Os presidentes dos dous clubs organizadores contaron que no torneo participarán máis de 320 nenos, procedentes de diferentes escolas deportivas, de Galicia e de Portugal. Estarán distribuídos en 8 equipos infantís, e outros tantos xuvenís dende o lado portugués, onde se destaca a participación da escola do Benfica. Polo outro lado, en Galicia participarán 16 equipos, benxamíns e alevíns e contarase coa presenza do Celta de Vigo.
A competición comezará simultaneamente mañá sábado no campo do Tyde F.C. coas primeiras rondas ás 10 da mañá e no S.D. Valenciano, ás 11 horas españolas. As semifinais serán o domingo a partir das 10 da mañá e a final, disputarase no campo Álvarez Durán ás 12.15h. A entrega de trofeos está prevista a partir das 13h.