Máis de 200 corredores danse cita esta fin de semana na Big Ride Eurocidade
Máis de 200 corredores daranse cita esta fin de semana na primeira proba do Big Ride, Open de España de Enduro, que se vai disputar na Eurocidade Tui-Valença. A proba con carácter internacional reunirá aos mellores corredores de enduro tanto a nivel español, portugués coma doutros países. A organización corresponde á Sherpa Project a Eurocidade Tui-Valença coa colaboración da Federación Española de Ciclismo.
A presentación desta proba deportiva realizouse esta mañá na Cámara Municipal de Valença, estando presente o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, o coordinador de Deportes da Xunta en Pontevedra, Guillermo Reinaldo, o vereador de desporto da Cámara de Valença, José Monte, e o responsable da organización, Guti Martín.
Dúas son as principais novidades desta edición. Por unha banda que o circuíto terá carácter internacional ao desenvolverse na Eurocidade tanto no Monte Faro en Valença coma no Monte Aloia en Tui sumando un total de 63 quilómetros divididos en sete tramos. O sábado haberá tres tramos no Monte Faro cun desnivel acumulado de 1000 metros, remando o último deles xa na Macoca na subida ao Monte Aloia. O domingo os corredores terán que afrontar catro tramos cun desnivel de 1.500 metros no Monte Aloia. Outra das novidades será que o paddock estará situado na zona da Macoca – na subida ao Monte Aloia – onde os participantes contarán con toda a infraestrutura da proba, con presenza de marcas líderes de mountain bike, e os patrocinadores Canondale e Sram, entre outros.
Tanto o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, coma o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, destacaron a consolidación do programa deportivo da Eurocidade, con especial destaque ás probas de bicicleta de montaña.
O coordinador de Deportes da Xunta, Guillermo Reinaldo, felicitou tanto á organización coma á Eurocidade por acoller esta proba deportiva amosando o seu convencemento en que será un éxito.