Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 200 candidatos presentáronse ás 45 ofertas de emprego presentadas no Job Day celebrado hoxe en Tui

2/07/2014

 

Martes, 1 de xullo de 2014. Máis de duascentas persoas presentaron o seu currículo  no Job Day da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para optar ao proceso de selección para ocupar un dos corenta e cinco postos de traballo que se ofertaban nesta xornada por parte de quince empresas do sector do metal.  Moitos deles presentaron o currículo previamente coa ficha de inscrición ao través da páxina web da Axencia Europea de Cooperación Territorial e outros fixérono hoxe mesmo no edificio da Área Panorámica de Tui.  Dende ás 10.30h os responsables das oito empresas galegas e sete portuguesas que ofertaban un emprego realizaron ás entrevistas aos candidatos.

 

A Sala de Exposición Municipal foi acondicionada para converterse por un día nunha feira de emprego á que acudiron desempregados con distinto perfil profesional que buscaban na oferta presentada neste Job Day a súa incorporación ao mundo laboral. O proceso selectivo terá coma resultado a contratación de 45 persoas.

 

Este foi un dos aspectos sinalados esta mañá na inauguración deste Job Day da Eurorrexión que tivo coma escenario a Eurocidade Tui-Valença. O alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, lembrou na súa intervención coma na carta fundacional da Eurocidade se sinalaba que o principal obxectivo era mellorar a calidade de vida de tudenses e valencianos, engadindo que "a promoción do emprego é un dos principais obxectivos". Aludiu tamén ao traballo que neste ámbito se realiza dende o Concello de Tui cos obradoiros de emprego, plans de emprego, programas de cooperación, ou coa próxima posta en marcha dun viveiro de empresas.  O seu homólogo de Valença, Jorge Salgueiro, facía referencia tamén á outros dos obxectivos sinalados que é a atracción de investimentos para a Eurocidade.

 

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que as cuestións de carácter laboral supoñen un dos principais eixos de colaboracións tranfronteiriza, pondo de relevo o importante papel do Eures Transfronteirizo que en 2013 atendeu a 2.200 persoas. Nesta materia destacou tamén outras actuacións realizadas coma a formación profesional.transfronteriza, os primeiros encontros luso-galaicos de economía oscial, ou o estudo que están a realizar para homologar os títulos de Formación Profesional, entre outros. Beatriz Mato afirmaba que "queremos seguir dando pasos para contribuír á mobilidade coma ferramenta do emprego" salientando a importancia do traballo conxunto que se está levando a cabo na Eurorrexión. Valoraba de xeito moi positivo a celebración deste Job Day, e o feito de que teña lugar na Eurocidade, que dicía "é un exemplo de entendemento, cooperación e eficiencia".