Máis de 1.400 persoas desfilarán no Entroido de Tui o próximo luns, festivo local na cidade
Duplícase a participación con respecto a 2015. Sairá ás 17.30h das rúas novas.
Máis de 1.400 persoas participarán o próximo luns, 8 de febreiro, festivo local na cidade, no Desfile-Concurso de Entroido en Tui. Esta cita festiva duplica a súa participación respecto ás últimas edicións de tal xeito que este ano desfilarán 18 comparsas, o máximo establecido nas bases. Os participantes chegarán de Tui, Tomiño, Salceda, Gondomar, Vigo, O Porriño e Mos presentando as máis diversas propostas de Entroido inspirados en temas de actualidade coma a praga do picudo vermello, ou apostas por deseños animados, tribos, ou motivo mariños.
O desfile-concurso comezará o luns, ás 17.30h, no circuíto establecido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. En caso de choiva aprazaríase para o sábado 13 ás 17.30h.
Son varias a novidades que presenta o Entroido en Tui este ano, unha delas é o cambio na data de celebración que este ano será o luns, festivo local na cidade. Por outra parte non todos os membros do xurado que outorgarán os premios irán identificados, e valorarán a actuación das comparsas ao longo de todo percorrido polas rúas novas.
Repartiranse preto de 12 mil euros entre premios e compensacións por participar. Hai sete premios na categoría xeral na que o xurado valorará actualidade, vestiario, parodia, acompañamento musical e carroza. A contía dos premios oscilará entre os 700€ do primeiro clasificado e os 100 que percibirá o sétimo. En carrozas hai sete premios que oscilan entre 400€ e os 50€. Mentres en acompañamento musical establécense catro premios de 250€, 150€, 100 e 50€ e un en Fantasía dotado con 250€.
Ao finalizar o desfile e mentres o xurado delibera actuará a orquestra Terranova.
Restricións no tráfico
Debido á celebración do Desfile-Concurso de Entroido o luns dende ás 14h non se poderá estacionar e estarán pechadas ao tráfico as rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo.
Enterro do Bacallau
A despedida do Entroido en Tui será o próximo domingo, 14 de febreiro, coa celebración do Enterro do Bacallau que sairá ás 19.30h dende a Praza de San Fernando. Coma novidade este ano a lectura do testamento do Bacallau correrá a cargo das actrices Areta Bolado e Noelia Castro de “A Panadaría”.