Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Mais de 1000 rapaces participaron onte na mañá de onte en “Tui le”, unha iniciativa das bibliotecas tudenses co lema “Eu amo as Bibliotecas”

24/04/2012

Máis de 1000 rapaces de todos os centros educativos do noso concello participaron ao longo da mañá de onte nunha nova edición de “Tui le: os libros na Praza de San Fernando” que neste ano a consecuencia das inclemencias meteorolóxicas tivo lugar no inmediato Claustro de Catedral tudense. Esta iniciativa celebrada nesta xornada do “Día do Libro” está organizada pola Biblioteca Pública Municipal de Tui, as bibliotecas escolares dos centros educativos do noso concello e contouse tamén coa colaboración da Biblioteca Municipal de Valença.

 

Nesta edición os organizadores decidiron sumarse á campaña “Eu amo as bibliotecas públicas” que promoven diversas organizacións sociais e profesionais para reivindicar o importante papel que cumpren os centros bibliotecarios  nunha sociedade democrática. Así cada biblioteca participantes realizou unha das letras do devandito lema que presidía esta festa dos libros e a lectura.

 

Ao longo da mañá cada grupo escolar realizou unha pequena actividade: canción, recitado de poemas, lectura dun texto, representación... alusiva a esta celebración arredor do libro e a lectura. Ao mesmo tempo cada rapaz podía intercambiar un libro usado que traia da súa casa coa existentes no recinto do Claustro catedralicio.  Tamén o público en xeral pode participar neste encontro promocional do libro e a lectura sendo imprescindible que aporte alomenos un libro para poder así intercambialos cos existentes.

 

Ao longo da mañá pasaron pola Claustro máis dun millar de alumnos dos centros educativos de Tui: IES San Paio,  CEIP de Caldelas, CEIP nº 2, CEIP de Pazos de Reis, Colexio Rural Agrupado, CEIP de Randufe, CEIP nº 1, CEIP de Guillarei, CEIP de Rebordáns, Seminario Menor e rematou co alumnado do IES Francisco Sánchez.

 

Pola tarde, as 18,00 horas houbo unha sesión de contacontos co grupo Ghazafelhos que  está organizada pola Biblioteca Municipal ao abeiro do programa Letras Vivas que promove a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

 

A concelleira de Cultura tudense, Vanesa Rodríguez Pereira,  resalta que esta “festa dos libros” é unha actividade que organizan conxuntamente a Biblioteca Municipal e as bibliotecas dos centros escolares do noso municipio que logo do éxito acadado nos pasados anos decidiron darlle continuidade, abrindo así cunha colaboración que agarda dea novos froitos nun futuro.  Salienta tamén a edil tudense que esta actividade promove a difusión do libro e a lectura dun xeito lúdico e posibilita que todos os cidadáns poidan achegarse á cultura escrita por medio desta festa celebrada coincidindo co “Día do Libro”.