Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Máis de 1.000 deportistas encheron Tui a pasada fin de semana

11/06/2014

A II Triatlón Tui-Porriño reuniu máis de 300 triatletas e na III Eurocidade 10 competiron ao redor de 700 atletas

 

Martes, 10 de xuño. A pasada fin de semana a nosa cidade encheuse de máis de 1.000 deportistas chegados dende diferentes localidades de Galicia e Portugal, que converteron o noso concello no centro deportivo do fin de semana.

 

Así, na tarde do sábado, disputouse nas augas do río Miño o II Triatlón Tui-Porriño, organizado polos Concello de Tui e Porriño, coa colaboración da Federación Galega de Triatlón, no que tomaron a saída 340 triatletas, dende a praia da Marina de Tui. Os participantes realizaron o tramo de natación no río Miño e percorreron en bicicleta as rúas de Tui en dirección a Porriño.

 

A lucense afincada en Tui, Aída Valiña, acadou a primeira posición, ao igual que o ano pasado, confirmando o bo estado de forma no que se atopa. Na categoría masculina, Gustavo Rodríguez non puido revalidar o triunfo acadado na pasada edición, dado que non participou neste triatlón, tras a súa competición no Campionato do Mundo de Duatlón de Pontevedra.

 

O Concello de Tui agradece aos voluntarios dos clubs deportivos a súa colaboración nesta proba, Club Kayak Tudense, Club Náutico San Telmo, Club Remo Tui, Escudería Doña Urraca e Club Balonmán Tui, así como a Protección Civil de Tui, Bombeiros Voluntarios de Valença, Policía Local e Comandancia de Marina de Tui.

 

E na xornada do domingo, baixo unha intensa choiva, disputouse a III Eurocidade 10, proba deportiva organizada pola Eurocidade Tui-Valença en colaboración co Club Atletismo Tui-Thermalia, na que participaron case 700 atletas, que percorreron un circuíto entre os dous países, entre as cidades de Tui e Valença. Este ano a proba estaba dentro do “Tour Running Rías Baixas” da Deputación de Pontevedra, conformado por tres probas atléticas con inicio en Tui.

 

O evento contou cunha madriña de excepción, Solange Pereira, unha das mellores atletas a nivel nacional, que foi a encargada de dar a saída dende o Paseo da Corredoira de Tui. Tras percorrer parte das rúas de Tui, os deportistas cruzaron a vella ponte internacional e disfrutaron do circuíto polas murallas de Valença, volvendo a Tui polo paseo fluvial e as rúas vellas.

 

Javier Paredes González, cun tempo de 33:31 e Miriam Chapela Carballo, con 43:13, foron os gañadores absolutos desta terceira edición, que xunto cos gañadores nas distintas categorías, recibiron os trofeos realizados pola Asociación Avelaíña, da man do presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, do alcalde de Tui, Moisés Rodríguez, dos concelleiros de deportes de Tui e de Valença, do presidente do Club Atletismo Tui, do xerente de Thermalia Tui, e da madriña da proba, Solange Pereira.

 

A Eurocidade Tui-Valença felicita a tódolos integrantes do Club Atletismo Tui-Thermalia, pola excelente organización desta terceira edición da Eurocidade 10. Agradece á Deputación de Pontevedra por incluír esta proba no “Tour Running Rías Baixas” e polo apoio prestado a través da empresa GV Entrenadores. Tamén agradece o apoio das empresas patrocinadoras, Coca-Cola, Eurobanan e Thermalia Tui, así como a colaboración de RMT e dos voluntarios de Protección Civil e Policía Local de Tui, do médico Julio Portela, da GNR, Bombeiros e Cruz Vermelha de Valença.