Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Luns 18 e martes 19 estará en Tui a unidade móbil de doazón de sangue

15/07/2016


O próximo luns 18 e martes 19 estará en Tui a unidade móbil de doazón de sangue motivo polo que dende o Concello de Tui e o Centro de Transfusión de Galicia animan aos veciños a participar nesta campaña de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes.


Tui conta con 2.504 doadores censados que realizaron 16.755 doazóns de sangue dende a primeira visita da unidad móbil do CTG en marzo de 1995. Grazas a este xesto solidario, cada día os hospitais atenden unha media de 2.700 urxencias, realizan máis de 500 intervencións cirúrxicas e levan a cabo 3 transplantes de órganos e tecidos.


A participación dos veciños e veciñas de Tui en 2015 acadou 1.048 doazóns de sangue, o que supón 62 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa de doazón que acada a cifra recomendada pola Organización Mundial da Saúde para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano). En 2014 rexistráronse 990 doazóns cunha xa de 59 doazón por cada mil habitantes.


A unidade móbil do CTG acude unha vez ao mes a Tui e dende a primeira visita en marzo de 1995 houbo un total de 16.755 doazóns de sangue, realizadas polas 2.504 persoas censadas como doadores de sangue no concello. Con estas doazóns, e a modo de exemplo, poderíanse levar a cabo máis de 8.300 intervencións cirúrxicas ou transfundir plaquetas a máis de 2.800 enfermos de cancro ou leucemia.


A unidade móbil estará situada na Praza de Galicia e poderase realizar o xesto solidario de doar sangue tanto o luns coma o martes en horario de 10.00 ás 14.00 e 16.00 ás 21.00 horas. Para dar difusión a esta campaña de doazón o Concello de Tui distribuíu 5000 mil folletos informativos nos fogares tudenses a través de Correos, amais de publicitala na súa web e redes sociais.