Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A lectura do manifesto e a presentación do roteiro “Camiñando con elas” centra mañá a conmemoración do 8M en Tui

7/03/2022

O Concello de Tui conmemora mañá o Día Internacional da Muller, 8M, coa lectura do manifesto institucional e a presentación do roteiro “Camiñando con elas”.  O lema deste ano é “Dereito a estar, dereito a achegar”.

O acto previsto comezará ás 11 h no interior do antigo edificio dos xulgados, na praza da Inmaculada, coa interpretación do tema “Setestrelo” de Guadi Galego por parte de Marta González Quintana.  De seguido a concelleira de Igualdade, Ana Núñez, dará a benvida e presentará o acto para dar paso á lectura do lectura do manifesto a cargo de seis mulleres traballadoras do Concello de Tui.  A continuación terá lugar a presentación do roteiro “Camiñando con elas” que realizará un percorrido teatralizado polo conxunto histórico da man de María Chamadoira, achegándonos a historia de dez mulleres tudenses. Este roteiro volverá realizarse este domingo 20 ás 12 h, sendo precisa a inscrición previa na Oficina Municipal de Tui.  

Xa pola tarde, ás 17h , na Oficina de Turismo inaugurarase a exposición “Mulleres icónicas tecidas a ganchillo” coas imaxes de mulleres coma Amelia Earhart, Florence Nightingale, Greta Thunberg, Malala Yousafzai, Marie Curie, ou Rosa Parks realizadas pola artesá Salomé Fernández baseándose nos deseños de Carla Mitrani.

Esta mañá colocouse unha lona coa imaxe da campaña deste ano na fachada da casa do concello que esta noite se vai iluminar de morado.  Tamén hoxe alumnado do IES Indalecio Pérez Tizón asistiu no Teatro Municipal á proxección de “María Soliña” de Ignacio Vila.

O programa do 8M en Tui continuará este mércores, 9 de marzo, ás 19.30 h coa proxección de “Serás hombre” de Isabel de Ocampo no Teatro Municipal, con entrada de balde.

O xoves, 10 de marzo, ás 18 h na Aula da UNED terá lugar a segunda das conferencias dentro programa “Xuntas Aprendemos”. Laura Seara, experta en igualdade e exsecretaria de Estado co título de “A historia do feminismo; das Sufraxistas ao Me Too” falará do feminismo como motor de transformación, crítica social, percorrido histórico, ondas e principais referentes.

Este domingo, 13 de marzo, ás 11 h realizarase a experiencia de escapismo feminista “Estrelas” dende a Praza de San Fernando. Para participar é preciso inscrición previa no formulario dispoñible para descarga en www.tui.gal.