Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Laura Seara ofrece hoxe en Tui a conferencia “As violencias sexuais, do #MeToo ao só si é si”

29/11/2022

Será ás 19 h no anexo da Sala de Exposicións Municipal dentro da programación do 25N

O anexo da Sala Municipal de Exposicións, no edificio Francisco Sánchez, acolle hoxe martes, 29 de novembro, ás 19:00 h a conferencia “As violencias sexuais, do #MeToo ao só si é si”. Correrá a cargo de Laura Seara,  avogada, deputada e exsecretaria de estado de Igualdade.

Esta actividade forma parte do programa organizado polo Concello de Tui, a través da concellería de Igualdade, con motivo do 25N, o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. 

Esta conferencia súmase á mesa redonda: “A violencia de xénero. Prevención, atención e protección” celebrada a pasada, así coma ao acto conmemorativo do pasado venres, no que amais da lectura do manifesto institucional, aprobado por unanimidade en pleno, contouse coa participación de Mónica Sueiro con “DesAlento” e de Sofía Espiñeira que pechou o acto con música. Mentres o sábado na praza de Abastos Uxía Morán puxo en escena a performance “A última cea”. Xa esta fin de semana o sábado 3 terá lugar na Sala Félix Rodriguez a II Xornada  Comunicación e Igualdade.

Precisamente a semana pasada no pleno ordinario da corporación municipal  aprobouse por unanimidade a constitución da Mesa Local de Coordinación Interinstitucional fronte á Violencia de Xénero. Na mesma estarán presentes dende os representantes institucionais do concello, o CIM, os Servizos Sociais, as forzas e corpos de seguridade, outras institución, así coma os servizos educativos, sanitarios e xurídicos, entre outros. Reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano, podendo facelo tamén de xeito extraordinario. En palabras da concelleira de Igualdade, Ana Núñez, será un instrumento máis para loitar contra a violencia de xénero, traballando na detección precoz, en  optimizar os recursos, ofrecer respostas máis áxiles , sensibilizar aos profesionais e á poboación.