Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Lagarta, Lagarta presenta no Teatro Municipal de Tui "Aeroplanos" o venres e o sábado

4/03/2009

 

Haberá dobre función: o venres ás 21.30h e o sábado ás 20.30h

Lagarta, Lagarta presenta esta fin de semana en Tui "Aeroplanos"

A obra está interpretada por Ernesto Chao e "Pico"

Mércores, 4 de marzo de 2009.  Ernesto Chao e Xosé M. Olveira "Pico" sóbense esta fin de semana ao escenario do Teatro Municipal de Tui para representar "Aeroplanos". Esta comedia da compañía Lagarta, Lagarta é unha viaxe pola vida de dous amigos viúvos. Está baseada no texto orixinal de Carlos Gorostiza e dirixida por Rosa Álvarez.

Precisamente a súa directora comenta que "falar das relacións humanas en momentos coma estes vainos permitir volver atopar o pracer de vivir e recuperar a través delas o amor, os sentimentos, a alegría de vivir".  Aeroplanos é unha comedia: de texto, de intriga, idealista, enxeñosa e de linguaxe sutil. Na mesma a risa convértese na mellor arma para loitar contra a angustia. Aeroplanos proponnos unha viaxe que tan só dura un minuto, pero ese tempo é o de menos porque na mesma cabe todo.

Lagarta Lagarta S.L. creouse en 2001 por iniciativa de Ernesto Chao e Rosa Álvarez, dous actores de longa traxectoria profesional en Galicia. Trátase dunha compañía de actores nacida co espírito de facer aqueles espectáculos e proxectos aos que moitos actores esperan e desexan enfrontarse, pero que, por diversas circunstancias, non se puideron levar a cabo no seu momento. Non ten un cadro fixo de profesionais e en cada produción busca aos directores, actores ou deseñadores máis idóneos para levar adiante o traballo.

As entradas teñen un prezo de 5€ , 3€ con desconto e  2€ para os menores de 12 anos. Pódense adquirir na web http://www.culturatui.info/, ou o venres dende ás 20h e o sábado dende ás 19h no despacho de billetes do Teatro Municipal.

Lagarta, Lagarta con "Aeroplanos"

Lugar: Teatro Municipal

Data e hora:  Venres 6 de marzo ás 21.30h e sábado 7 de marzo ás 20.30h

Prezos: 5€ - 3 € con desconto - 2€ para os menores de 12 anos

Venda de entradas: en http://www.culturatui.info/ ou o día da función hora e media antes do comezo no despacho de billetes da Área Panorámica