Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Julio Cid e David Marcos del Río gañadores do concurso de fotografia sobre a Ponte Internacional

21/03/2011

128 FOTOGRAFIAS PRESENTADAS AO CONCURSO DE SOBRE A PONTE INTERNACIONAL NO QUE ACADARON OS PREMIOS AS OBRAS DE JULIO CID E DAVID MARCOS DEL RIO

 

Luns, 21 de marzo de 2011. Un total de 128 fotografías foron presentadas ao concurso convocado polo Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença do Minho ao abeiro dos actos conmemorativos dos 125 anos da inauguración da Ponte Internacional sobre o río Miño.

 

Tras a reunión do xurado que valorou moi positivamente tanto a elevada participación como a alta calidade da maioría dos traballos presentados o que converteu en moi difícil a deliberación do xurado. Con todo acordaron a concesión dos premios por unanimidade:

 

  • Primeiro premio, de 700 euros, á fotografía presentada baixo o lema “Infinito” que aberta a correspondente plica resultou ser obra de Julio Cid Fortes de O Porriño. O xurado valora nesta obra a calidade na execución da fotografía, así como a forza da imaxe e a presenza da ponte internacional como vía de comunicación, sendo este último un dos obxectivos do concurso.
  • Segundo premio, cunha dotación de 300 euros, correspondeu á obra presentada co lema “Fibra óptica”  e que correspondía a David Marcos del Río Martínez, de Salceda de Caselas. Nesta obra o xurado valora a orixinalidade e a gran forza visual deste traballo fotográfico, ademais da dificultade na súa execución

 

Con estas obras o Concello de Tui realiza unha exposición que dende hoxe luns, 21 de marzo, pode visitarse na zona Anexa da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui. A mesma forma parte do amplo programa de actividades que o Concello de Tui e a Cámara Municipal de Valença organizan para conmemorar os 125 anos da inauguración da Ponte Internacional sobre o río Miño.

 

Para os responsables das concellerías de cultura de Valença e Tui a alta participación neste concurso é un motivo de gran satisfacción ao comprobar o interese suscitado e a alta calidade da meirande parte das fotografías o que evidencia o importante número de afeccionados existente nas nosas comarcas.