Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Juan Carlos García-Valdecasas e a Radio Municipal de Tui, premios ‘Cidade de Tui’ 2023

11/04/2023

O Teatro Municipal acolleu o acto de entrega destes galardóns na súa terceira edición

O cirurxián tudense Juan Carlos García-Valdecasas Salgado, na categoría individual, e a Radio Municipal de Tui, na modalidade colectiva, recibiron o pasado sábado os ‘Premios Cidade de Tui’ 2023, na gala celebrada no Teatro Municipal.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, entregou sendos premios, poñendo en valor o labor dos premiados. Dicía que “a gratitude e a xenerosidade fixeron posible a existencia desta bimilenaria cidade”.

Con respecto a Juan Carlos García-Valdecasas  indicaba que “ao premiar a súa traxectoria tamén premiamos ao conxunto dos profesionais sanitarios deste país, aos que tanto lles debemos e a veces pouco lle recoñecemos”. Engadía que “Juan Carlos é un claro exemplo desta profesionalidade e dese sistema sanitario magnífico do que disfrutamos os españois”. Mentres sobre o premio colectivo indicaba que “30 anos de traxectoria dunha radio pública municipal reflicte que as cousas se fixeron moi ben e que grandes profesionais estiveron e están ao fronte da nosa radio municipal”. Engadía que “eses 30 anos de radio reflicten ese traballo serio e rigoroso”.

Remataba Enrique Cabaleiro indicando que “todos como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un médico tudense sexa referencia mundial, e todos  como tudenses nos sentimos moi orgullosos de que un medio de comunicación local sexa o principal medio de comunicación que temos na comarca”.

Pola súa banda a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, lembraba no acto coma estes  Premios Cidade de Tui “naceron para celebrar, para recoñecer o labor de milleiros de persoas, a nivel individual e de maneira colectiva, que nos enriquecen e que fixeron que nos sintamos orgullosos da sociedade que construímos ao longo destes séculos”. Engadía a concelleira que “sen vos, os tudenses, esta cidade non tería acontecido tal e coma a coñecemos, esa colina de pedra da que falaba Eliseo Alonso, non sería a que é sen a aportación de milleiros e milleiros de homes e mulleres que de maneira individual e ou en comunidade traballaron, e seguirá acontecendo para seguir construíndo entre todos a mellor cidade”.

Tras recibir o premio o médico Juan Carlos García-Valdecasas confesaba que para el “é unha honra e unha gran alegría que se me concedera esta importante distinción”.  Destacaba que  “sempre tiven a Tui coma referencia, estou moi orgulloso de ter nacido aquí”. Lembrou a casa familiar da rúa Canicouva, os veráns en Tui, e coma sempre que pode aproveita para vir á cidade e ensinar Tui e Galicia.  Dicía García-Valdecasas que “despois de 44 anos de exercicio profesional, de máis de 2.500 transplantes realizados polo seu grupo, de ter percorrido o mundo, véxome aquí e o que máis ilusión me fai é compartir estes momentos cos que me acompañaron naqueles veráns inesquecibles”. Tamén se refería a súa carreira profesional indicando que “tivemos a oportunidade de facer algo que cando rematei a carreira era impensable” sinalando que “co transplante de fígado fomos capaces de cambiar a vida e a calidade de vida de moitísimas persoas”.

Na súa intervención, o director da Radio Municipal de Tui, José Font, tras recoller o premio salientaba que “hoxe estamos aquí polo o esforzo de centos de persoas, este é un premio colectivo, i é que desde hai trinta anos son centos as persoas que traballaron ou colaboraron con esta emisora, a todos eles quero dicirlles que este premio é de todos e de todas”. Afirmaba que “a información local, interesa , como interesou sempre e interesará no futuro” polo que “radio local seguirá falando do que pasa o lado da casa , na cidade ou na comarca do día a día de cada un de nós”.  Indicaba Jose Font que “a Radio Municipal de Tui, é percibida por moitos como a radio da casa, esa voz familiar que nos acompaña, coa que  rimos, falamos ...e as veces... ata discutimos”.  Agradecía o apoio que, dende o seu comezo, “sempre mostrou o Concello de Tui” e daba as grazas aos cinco alcaldes que nestes 30 anos tivo Tui  cos que “a radio funcionou dun xeito autónomo e independente”.  E remataba sinalando que “este premio é merecido, merecido por todos aqueles que dedicaron o seu tempo a facer da Radio Municipal de Tui a radio que é”.

A Gala contou coa actuación da Banda de Gaitas Arume de Malvas.