Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Jesús González e Sergio Pérez, bronce no Campionato de Europa de Remo

9/05/2016


Excelente fin de semana para o deporte tudense ao acadar Óscar Carrera a clasificación para os Xogos Olímpicos e Rubén Millan e Gabriel Pavón para o preolímpico


 


O remeiro tudense Jesús González, xunto ao malagueño afincado en Tui, Sergio Pérez, integrantes do Club Remo Robaleira, participaron nesta fin de semana no Campionato de Europa de Remo, na cidade alemana de Brandemburgo, acadando a medalla de bronce na modalidade de dous sen peso lixeiro.


Na xornada do sábado, Suso González e Sergio Pérez gañaron a súa eliminatoria e accederon á gran final, coa intención de mellorar a súa cuarta posición do ano 2015. Nesta, a embarcación española rexistrou un tempo de 7:05.320, a 5.020 segundos da británica, que acadou a presea de ouro, e a segundo e medio da parella danesa.


Esta medalla de bronce foi a única que acadou a selección española neste campionato, no que tamén participaron outros tudenses. Así, Nuria Domínguez rematou decimocuarta en skiff feminino, e Óscar Alonso e David Prada, gañaron a final B, rematando na sétima posición, coa embarcación oito con temoeiro. O portugués Jorge André Carvalho, tamén do Club Remo do Miño, participou na modalidade dous sen temoeiro, acadando a sexta posición.


Por outra parte na fin de semana confirmouse a presenza dun tudense nos próximos Xogos Olímpicos de Río, xa que Óscar Carrera acadou esta clasificación e será un dos compoñentes do K4 1.000 metros. O padeeiro tudense rematou a súa regata en Trasona en sexta posición e, xunto a Rodrigo Germade, serán os integrantes galegos desta embarcación en Río.


Nesta mesma regata, os padeeiros do Club Kayak Tudense, Rubén Millán e Gabriel Pavón, acadaron a clasificación para o preolímpico de Duisburgo, onde pelexarán en escasos doce días, por unha praza olímpica no K2 1.000 metros.


O Concello de Tui felicita a Jesús González e Sergio Pérez polo magnífico terceiro posto no Campionato de Europa de Remo, así como a Óscar Carrera pola súa clasificación para os Xogos Olímpicos de Río, e desexa moita sorte aos padeeiros Rubén Millán e Gabriel Pavón, na súa próxima regata en Duisburgo.