Iván Alonso Lage recibido no concello tras a participación no Mundial e anunciar a súa retirada da competición profesional
O padexeiro tudense Iván Alonso Lage foi recibido esta mañá na casa do concello de Tui polo alcalde, Enrique Cabaleiro, e membros da corporación municipal, tras a súa participación no Campionato do Mundo de Maratón de Piragüismo e logo de anunciar a súa retirada da competición profesional. Iván Alonso conta cun amplo palmarés en competicións nacionais e internacionais sendo un referente no mundo do piragüismo.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, expuña o compromiso do Concello de Tui “en recoñecer aos tudenses que destacaron por situar a este municipio en ser referente naquelas modalidades nas que participan, e no caso de Iván a súa traxectoria deportiva e persoal fala por si soa”. Engadía que “a súa carreira deportiva é un exemplo para cada un de nós, un exemplo de constancia e de compromiso, máis aló dos éxitos, e é un exemplo para as xeracións máis novas”. Trasladaba a Iván Alonso “a nosa máis sincera gratitude por estes anos de dedicación profesional e o noso recoñecemento a túa traxectoria vital”.
Tomaba tamén a palabra Xosué Campos, concelleiro do BNG, que daba “os parabéns por toda a túa traxectoria e que continúes sendo coma es, un gran deportista e unha gran persoa”. Agradecía ao padexeiro tudense todo o seu traballo e esforzo, destacando que é un exemplo para os nenos e nenas. Nico Montes, voceiro do PP, afirmaba que “o piragüismo colocou a Tui no máis alto” engadindo que “como tudenses estamos orgullosos de toda a túa traxectoria, marcaches un antes e un despois no deporte tudense. Es un exemplo e un espello no que mirarse” e remataba agradecendo “toda a túa traxectoria, por todas as alegrías que nos deches e por todo o que nos fixeches disfrutar.
Iván Alonso amosaba o seu agradecemento por este recibimento no salón de sesión, e destacaba a importancia de apostar pola cultura e o deporte, salientando os valores que este transmite. Indicaba que “agora damos un paso, evolucionamos… agora os meus obxectivos son outros. Deporte haberá sempre” e recoñecía que algunha competición “sempre haberá”. Remataba con palabras de agradecemento para os seus patrocinadores, os clubs dos que formou parte nestas dúas décadas, e a súa familia.