Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Inauguración da exposición "Olladas dunha época. Fotografias do Fondo Blanco-Cicerón"

22/02/2010

MAÑÁ INAUGÚRASE A EXPOSICIÓN "OLLADAS DUNHA ÉPOCA. FOTOGRAFIAS DO FONDO BLANCO CICERON"

 

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle mañá, martes 23 de febreiro ás 20,00 horas, a inauguración da exposición "Olladas dunha época: fotografias do fondo Blanco-Cicerón" e que contará coa presenza do Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia, un representante do Padroado do Museo do Pobo Galego, o Alcalde Tui e descendentes do coleccionista tudense.

Esta exposición organizada polo Centro Galego de Artes da Imaxe e o Museo do Pobo Galego chega a Tui logo da sua presenza en Santiago de Compostela onde estivo aberta ao público nos meses de decembro e Xaneiro. Esta exposición recolle unha escolma da colección de fotografias do Fondo Blanco-Cicerón, que os seus herdeiros depositaron no Museo do Pobo Galego, e que conta con preto de 500 fotografías de mediados do século XIX das cales se seleccionaron 81 para esta exposición. A selección de imaxes inclúe instantáneas de paisaxes e monumentos de distintas cidades e vilas galegas, entre as que destacan Compostela e Tui, cidade natal do mecenas galego. Aínda que máis escasos, na exposición tamén están presentes os retratos, como o do inventor Isaac Peral no Castelo de Sobroso; e as fotografías de acontecementos relevantes, como a inauguración da Ponte Internacional de Tui en 1886.

Figura tamén na mostra unha selección de imaxes da Exposición Regional Galega, da que o pasado ano cumpriuse o seu centenario e na que Ricardo Blanco-Cicerón foi un dos seus organizadores. Aquela primeira Exposición Rexional Galega, celebrada en 1909 en Santiago supuxo un acontecemento sen precedentes na historia de Galicia, acollendo máis de 600 instalacións en 11 pavillóns nos que se expuxeron 10.000 pezas de arqueoloxía, obras de arte e historia. Agora, cen anos despois, o CGAI e mailo Museo do Pobo Galego recuperan nesta mostra fotográfica parte daquela exposición.

Para o Concello de Tui segundo sinala o seu concelleiro de cultura, Moisés Rodríguez Pérez, a presenza desta exposición na nosa cidade é un importante acontecemento por canto achega aos tudenses unha excpecional colección de fotografias antigas de Galicia, con especial mención a diversas imaxes de Tui e que contribuien á promover o valor histórico da fotografia pero, ao tempo, esta mostra permite a recuperación da á memoria colectiva da cidade, da figura de Ricardo Blanco-Cicerón, nado en Tui no ano 1844, e que, andando os anos, foi unha excepcional figura na cultura de Galicia pola sua afección ao coleccionismo que posibilitou a conservación ou recuperación de numerosos elementos do noso patrimonio cultural.

Rodríguez Pérez amosa a súa gratitude ao Centro Galego de Artes da Imaxe, dependente da Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia, e ao Museo do Pobo Galego organizadores desta mostra pola sua inestimable colaboración para lograr que esta exposición poida achegarse ata Tui para ser contemplada polos nosos veciños.

A mostra estará aberta ao público na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui, edificio Área Panorámica - rúa Colón 2, ata o vindeiro 14 de marzo de 2010.