Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A igrexa de San Domingos acolle este sábado ás 21.30h o I Encontro de Corais da Eurocidade Tui-Valença

29/09/2016

Tui e Valença seguen a tender pontes entre as dúas cidades. Este sábado farao coa celebración do I Encontro de Corais da Eurocidade Tui-Valença que se vai celebrar ás 21.30h na igrexa de San Domingos en Tui. Participarán cinco agrupacións corais as tudenses  San Telmo, Ponte das Febres de Ribadelouro, e a do Centro Sociocomunitario  e as valencianas de Verdoejo e San Teotonio.

A presentación deste evento musical correu a cargo do concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, dos responsables de Cultura en Tui, María José González, e en Valença, José Monte, así coma dun representante de cada unha das agrupacións corais participantes.

O concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón, explicou que o obxectivo deste encontro é seguir profundando na Eurocidade en distintos ámbitos, neste caso no musical. Mentres a concelleira de Cultura, María José González,  destacou a importancia deste evento que une os dous lados do río nun proxecto cultural que pon en valor a nosa cultura. O vereador de Valença, José Monte, salientou o espazo único no que se vai celebrar, en referencia á igrexa de San Domingos, que reúne unha condicións excelentes para este espectáculo a cargo das cinco corais da Eurocidade. Todos os presentes coincidiron en sinalar o seu desexo de que este evento teña continuidade no tempo.  Os representantes das corais Cándida Cabaleiro do Centro Sociocomunitario, José Lorenzo da Ponte das Febres, Teresa Prieto da San Telmo, Sergio Vilarinho da de Verdoejo, e José Gonçalves da de San Teotonio, amosaron a súa satisfacción pola frutificación deste proxecto ao tempo que avanzaron que traballan xa na creación dunha Coral da Eurocidade.

A Coral do Centro Sociocomunitario de Tui será a responsable a de abril o Encontro baixo a dirección de Moises Lorenzo Alonso para interpretar “No tardes Tom”, (Espiritual negro) de Stephen Collins Foster, “Ciquitita” de Benny Andersson-Bior Ulvaes e “La Perla” con arranxos de Angel Viro. A continuación actuará o Coro Polifónico de Verdoejo, dirixido por Miguel Ângelo Esteves Serra  que ofrecerá  "Coimbra" de Raul Ferrão e José Galhardo, "Vejam Bem" de Zeca Afonso e "Chiquitita" de Benny Andersson & Gijorn Ulvaeus.  A terceira en actuar será a Coral Polifónica Ponte das Febres que dirixida por Rafael Perez Dopeso interpretará “Adiós ríos, adiós fontes”,  “Angelitos negros” de Antonio Machín e “Meu amor é mariñeiro” de Fuxan os Ventos.  Na recta final deste encontro Ivone da Conceição Paias Ribeiro dirixirá  a Coral Polifónica de San Teotonio que ofrecerá ”Balada de Outono” de Zeca Afonso, “Canção da Vindima” de Beira Baixa e “Maria da Conceição” de Beira Baixa. Por último a Coral San Telmo de Tui interpretando “Foliada de Compostela”, “La capitana” de Carlos Rubiera Tuya e “Fisterra” dirixidos por Celso Diego Martínez.  Para pechar I Encontro de Corais da Eurocidade os máis de 165 coralistas interpretarán conxuntamente “O voso galo comadre”.