Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe tivo lugar a primeira proxección deste curso de “O Cine nas Aulas” posto en marcha hai máis dunha década polo Concello de Tui

17/10/2023

Nesta actividade emprégase o cinema para abordar distintos temas que posteriormente se traballan en unidades didácticas

O cinema coma medio para abordar distintas temáticas sobre as que reflexionar, traballar e aprender é o obxectivo do programa “O Cine nas Aulas” que dende hai máis dunha década desenvolve o Concello de Tui.

O Teatro Municipal de Tui acolleu esta mañá a primeira das proxeccións do curso 2023/24 deste programa no que participa alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria dos centros educativos tudenses.

Así hoxe 167 alumnos e alumnas de 4º da ESO do IES San Paio, do Seminario Menor San Paio e do Colexio Maristas Santa María, e profesorado deste centro,  asistiron á proxección dunha película na que se abordan temas coma a aceptación da diversidade, o esforzo e a constancia para acadar obxectivos persoais, a influencia de persoas e que significa a amizade de verdade. Tamén trata a problemática do consumo de drogas, e a enfermidade da SIDA. A película tamén será visionada no propio centro por 58 alumnos e alumnas do IES Indalecio Pérez Tizón.

Agora o alumnado traballará na aula xunto co profesorado nas unidades didácticas elaboradas dende Servizo de Prevención de Drogodependencias do departamento de Servizos Sociais.

No programa participa ao longo do curso alumnado de 4º da ESO e de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos tudenses.