Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe inaugúrase a exposición de cerámica e escultura do artista luso Carlos Oliveira

23/07/2007

O luns, día 23, inaugúrase a exposición de cerámica e escultura do artista portugués Carlos Oliveira 

Venres 20 de xullo de 2007. A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acollerá o luns 23 de xullo de 2007, ás 20,30 horas a inauguración da exposición “A terra, a cor e o fogo” que reúne unha escolma da produción de cerámica e escultura do artista portugués Carlos Oliveira. A exposición estará aberta ao público até o 8 de agosto. Carlos Oliveira é natural da cidade lusa de Caldas da Rainha e comezou a súa formación no Cercal en 1981 nas áreas de deseño baixo a dirección dos mestres Artur Lopes, Armando Correia e Herculano Elias. No ano 1989 crea o seu propio obradoiro onde posúe todas as condicións para desenvolver o seu traballo creativo. O artista ten xa un longo percorrido creativo no que cómpre sinalar, entre outras, as seguintes obras: o panel cerámico do Edificio Quadrante, o monumento en bronce de homenaxe ao Bombeiros de Oleiros, a escultura na honra á “Mae Gandareza”, o monumento de homenaxe á Misión KFOR portuguesa en Kosovo do ano 2006, etc. Como sinala o propio artista coa terra, a cor e o fogo a súa produción artística é un himno á harmonía, á paz, á comprensión e ao diálogo entre os homes. Esta nova exposición que organiza a Concellería de Cultura do Concello de Tui, que dirixe Moisés Rodríguez Pérez, pretende achegar aos tudenses e os visitantes á nosa localidade a realidade artística do noso pais irmá, de Portugal.  Esta liña de traballo de profundizar no coñecemento da actividade cultural de máis alá do río Miño é un dos obxectivos da Concellería de Cultura tudense que entende que a cidade de Tui é a chave, a ponte, para a comunicación cultural entre Galicia e Portugal. Para Rodríguez Pérez con esta nova exposición a Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui continúa realizando unha decidida aposta pola promoción cultural entre os nosos veciños, que continuará no mes de agosto acollendo a unha das exposición integrantes da Bienal de Vilanova de Cerveira.