Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe inauguración da exposición "A Divina Comedia" de Salvador Dalí

30/09/2009

TUI ACOLLE ESTE MES A EXPOSICIÓN "A DIVINA COMEDIA" DE SALVADOR DALÍ

 A obra posúe un enorme poder visual e desbordante imaxinación e plasma o dramatismo que presentan as desgarradas figuras que nos atopamos na clásica obra de Dante

Mañá mércores 30 de setembro, ás 20.00 horas,  terá lugar na Sala Municipal de Exposicións de Tui (Edificio Área Panorámica), a inauguración da exposición "A Divina Comendia de Salvador Dalí". A colección consta dun total de 100 xilografías realizadas polo artista entre 1960-1964. Esta mostra é froito da colaboración entre Caixanova e o Concello de Tui.

A Concellería de Cultura de Tui alédase de poder mostrar a creación duns dos artistas españois máis destacados das vangardas do século XX e en palabras do concelleiro Moisés Rodríguez, "é un honor para a cidade de Tui poder expoñer unha colección dunha das personaxes máis recoñecidas da pintura surrealista e das vangardas internacionais do SXX como é Salvador Dalí". 

Aquelas persoas que desexen gozar desta exposición poderán facelo en horario de apertura entre 09:00  e 14:00 horas e pola tarde de 16:30 a 20:30 horas, na Sala de Exposicións. Esta mostrará abrirá tamén os sábados pola tarde, os domingos e festivos de 17,00 a 20,30 h.. A mostra poderá ser visitada ata o vindeiro 25 de Outubro, data da  súa clausura.

A Divina Comedia de Dalí hai que situala no contexto da evolución do pintor que desde os anos corenta estaba xa totalmente apartado do grupo surrealista, e tras a súa marcha a Estados Unidos, comeza unha época marcada polo misticismo que vai mostrar no Cristo de Port Lligat (1949), no Cristo de San Juan da Cruz (1951) e nas ilustracións da Divina Comedia, algunhas das súas creacións máis relevantes.

Influencia renacentista e barroca

A obra de Dalí deste período conserva o seu indiscutible virtuosismo que manifestara na súa etapa de adscrición ao surrealismo, pero agora o pintor acentuará o efectivismo e recreará os grandes mestres do Renacemento e do Barroco en clave surrealista, como é o caso de Rafael, Piero Della Francesca, Vermeer, Velázquez, Zurbarán ou Miguel Anxo, que son referencias de múltiples obras do artista e cuxos temas retomará de modos diversos.

A influencia da pintura italiana do Renacemento, o impacto do lanzamento da bomba atómica e o misticismo relixioso está moi presente na súa obra deste momento, que se expresa con claridade no seu "Manifesto Místico" (1951), unha expresión clara dunha evolución pola que se chega a declarar exsurrealista e que terá a súa concreción en obras de carácter sacra, entre as que destacan as 100 xilografías da Divina Comedia.

Como é ben coñecido, A DIVINA COMEDIA é unha das obras máis importantes da literatura universal, escrita en romance italiano por Dante Alighieri (1265-1321) entre 1307 e 1321. Dividida en tres partes: "Inferno", "Purgatorio" e "Paraíso", cada parte está á súa vez composta de 33 cantos, excepto o inferno que ten 34. Na obra de Dante, conducido polo poeta latino Virgilio, percorre os nove círculos do inferno, e chega ao cume do purgatorio onde se reúne coa súa amada Beatriz que lle vai a acompañar até o paraíso.

As ilustracións do pintor catalán mostran aspectos de Dante no seu percorrido polo inferno, onde é detido pola luxuria, a soberbia e a avaricia. Beatriz, o seu gran amor, envía na súa axuda ao poeta Virgilio que lle guía por onde moran os seres atormentados, embarcando despois cara ao purgatorio e ao final á contemplación celestial.

Salvador Dalí capta esa calidade visualmente cinematográfica que ten o texto de Dante e ilustra pormenorizadamente esta viaxe como unha ascensión mística, realizando 100 xilografías a cor nas que o pintor xoga coa multiplicidade que contrasta cun preciso estudo das representacións humanas, como se pode observar nos pliegues clásicos das súas figuras. Segue pois o pintor, a descrición dos motivos narrativos do poema de Dante e recréaas na súa característica linguaxe realista que dá forma corporal ao espiritual.

A Divina Comedia de Dalí é unha obra de enorme poder visual e de desbordante imaxinación, na que non se elude o dramatismo que presentan as desgarradas figuras que poboan a obra de Dante. Dalí consegue captar nos seus gravados moitos dos aspectos  centrais do texto de Dante. Alcanza unha intensa identificación co autor desta xigantesca metáfora do sufrimento e da redención.

Dalí sabe ler con enorme creatividade en este "alfabeto compartido da razón e do recoñecemento" que é para Georges Steiner o libro de Dante, conseguindo unha persoal interpretación dunha das obras crave da cultura occidental.