Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe creouse a comisión organizadora do 800 aniversario da Catedral de Tui

18/06/2024

Esta mañá tivo lugar na Casa do Concello de Tui unha xuntanza para a constitución da comisión organizadora do 800 aniversario da consagración da Catedral de Tui que tivo lugar o 30 de novembro de 1225. Á reunión asistiron o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, e o deán do Cabido da catedral tudense, José Diéguez Dieppa.

 

Participaron tamén no encontro a directora territorial en Pontevedra da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, María José Echevarria, o director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial, Nuno Almeida, a vicepresidenta da Cámara Municipal de Valença, Ana Paula Xavier, o vicepresidente da Cámara de Comercio de Tui, Emilio Estévez, e o responsable de prensa da Subdelegación do Goberno, Daniel Santalla. Escusou a súa asistencia, por un imprevisto, Roberto Carrero, en representación da Deputación de Pontevedra.

O rexedor tudense, agradeceu a presenza dos representantes das diversas institucións que acudiron a esta convocatoria na que se definiron os obxectivos desta conmemoración que promove conxuntamente o Cabido Catedral e o Concello de Tui.

Os obxectivos que se marcaron nesta xuntanza abranguen os seguintes aspectos:

  • Celebración dos 800 anos da consagración da Catedral de Tui como expresión da fe dunha comunidade.
  • Conmemoración deste aniversario como fito histórico e artístico: a Catedral tudense posúe a primeira expresión da escultura gótica na Península Ibérica e posúe un amplo conxunto de bens patrimoniais de alto interese.
  • Fortalecer a significación da Catedral na Península Ibérica, pois foi durante moitos séculos a sede dun territorio que formaba parte de dous reinos expresando esta condición transfronteiriza, elemento substancial actualmente no proceso de construción europeo.
  • Intensificar a condición da Catedral de Tui como un dos principais elementos referenciais do Camiño Portugués que recibe anualmente máis de 120.000 peregrinos de múltiples nacionalidades, co engadido que o ano 2026 é o ano previo ao novo Ano Santo Xacobeo 2027.
  • Mellorar as condicións de conservación da Catedral tudense e do seu conxunto catedralicio así como do conxunto histórico da cidade de Tui do que forma parte.
  • Fortalecer a promoción turística da Catedral e da cidade

Foi acordada a creación dun comité de honra deste evento e se analizaron posibles actividades a desenvolver ao longo desta celebración que comezará o 30 de novembro de 2025 e se prolongará ata o 1 de decembro de 2026. Todos os asistentes coincidiron na oportunidade que se presenta con este aniversario e a necesidade de coordinación entre as institucións participantes para lograr unha conmemoración digna e que incentive as dinámicas da promoción turística de Tui e da propia catedral sen esquecer a súa significación espiritual.

Esta Comisión terá continuidade nos vindeiros meses para analizar as propostas concretas que se presenten para a elaboración dun programa de actividades arredor deste oitocentos aniversario da catedral tudense.