Hoxe comeza a sétima edición de "Música no Claustro"
Música no claustro presenta un programa “inmellorable” na súa sétima edición segundo os organizadores
Celebrarase do luns 22 ao venres 26 con ciclo de concertos, conferencias e exposicións
Venres, 19 de agosto de 2011. O Claustro gótico da Catedral de Tui vai acoller a próxima semana a sétima edición do Ciclo de Concertos Música no Claustro, caracterizada este ano por ofrecernos a súa particular visión da música creada dende 1886 nas dúas beiras do Miño ao través de concertos, exposicións e conferencias. Este é o xeito en que este ciclo musical se suma ás celebracións do 125 aniversario da vella Ponte Internacional.
O ciclo foi presentado esta mañá na sacristía da Catedral polo coengo Don Ricardo García e por Samuel Diz, responsable da organización de Música no claustro. Estiveron acompañados pola concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez e polo alcalde de Tui, Moisés Rodríguez.
Don Ricardo García abría o acto dando a benvida á sancristía catedralicia destacando que é a que mellor tallas ten das cinco catedrais galegas. Sinalaba que esta é unha das xoias que ten a catedral, coma o claustro onde se celebran os concertos.
Samuel Diz explicaba que o festival en cada edición é máis interdisciplinar. Este ano sumándose á celebración do 125 aniversario da ponte internacional buscan ofrecer unha visión do que é Galicia e Portugal dende 1886. O programa estruturase do seguinte xeito. Por unha banda está o ciclo de concertos que se celebrarán de luns a venres ás 21h no claustro. Nesta ocasión previamente, ás 20h, no propio claustro haberá conferencias ilustradas. E continua tamén o ciclo JL Música de apoio aos novos músicos e tamén a iniciativa A Mirada Ilustrada con Álvaro Reinoso.
Samuel Diz destacaba que a programación lograda nesta ocasión non vai ser doada de superar en vindeiras ocasións, xa que no seu parecer “hai un programa inmellorable”.
A concelleira de Cultura, Vanesa Rodríguez, agradecía todo o traballo realizado polos organizadores neste ciclo que poderemos disfrutar a próxima semana. Amosouse satisfeita ao comprobar que o elenco que este ano estará no festival deixa constancia do bo nivel dos músicos tudenses.
O alcalde de Tui pola súa parte felicitou aos organizadores por este ciclo centrado no aniversario da ponte internacional, aproveitando a ocasión para lembrar que tanto Tui coma Valença solicitaron ante os respectivos gobernos estatais a declaración desta centenaria infraestrutura coma Ben de Interese Cultural.
Programa previsto
O VII ciclo de Música no Claustro comeza o luns ás 20h coa primeira das conferencias ilustradas a cargo do historiador Rafael Sánchez Bargiela que tratará o tema “A Ponte Internacional coma unión de dous pobo”. Unha hora despois, ás nove, celebrarase o primeiro concerto a cargo do dúo Espido formado por Guadi Galego e Guillerme Fernández, músicos ligados a Berrogüetto que achegan un orixinal traballo cunha guitarra e unha voz.
O martes, 23 de agosto, abre a programación José Aldea director da colección “Itinerarios Histórico-Musicais” abordando a visita musical que propoñen á cidade de Tui. A continuación, ás nove, comezará o primeiro concerto do Ciclo JL Música de novos intérpretes coa actuación de Raquel Areal ao violín, e María Domíguez ao piano. Tras elas actuará xa no ciclo de concertos a pianista tudense Andrea González, que tras catro anos regresa a Música no Claustro dende Milán cidade na que cursa un Máster de Interpretación no Conservatorio Guiseppe Verdi.
Continua o ciclo o mércores, 24 de agosto, cunha conferencia ás 20h de Milagros Bará Viñas quen falará de Manuel Quiroga, unha das figuras musicais galegas máis grandes a nivel internacional. Ás nove dentro do ciclo JL Música actuarán Manuel Madarnás á trompeta e Karolis Biveinis ao piano. A continuación Sergio Heredia ao violín e Pablo Diago ao piano renderán homenaxe a Manuel Quiroga rescatando composicións deste autor para esta formación camerística.
O historiador tudense Suso Vila presentará o xoves ás 20h a situación xeral de Tui no ano 1886 pechando o ciclo de conferencias de Música no Claustro. Tamén rematará o xoves o ciclo JL Música coa actuación de Sandra Pérez á percusión. Corresponderá despois a quenda de actuación a Matamá Ensemble formación integrada por Noa Vidal, David Bellas e Xurxo Fernández que ofrecerán unha visión actual da música tradicional galega.
Por último o venres pecha Música no Claustro a actuación de Cláudia Madur presentando o seu novo disco “Fado sem Tempo”. Está considera a nova voz do fado portugués. Estará acompañada por Artur Caldeira, Mario Henriques e Joao Penedo.
A mirada debuxada
Novamente este ano en Música no Claustro contarase coa presenza de Álvaro Reinoso, ARO, coa exitosa iniciativa “A mirada debuxada” na que irá dando forma a un diario de concertos coas ilustracións que irá creando en cada actuación.
Precisamente o cartel anunciador desta sétima edición de Música no Claustro é obra de Álvaro Reinoso plasmando no mesmo unha orixinal panorámica do casco histórico tudense e de Valença unidos por unha ponte onde os diferentes monumentos e edificacións son representados por instrumentos coma unha guitarra, un arpa, un piano, un violín...