Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Hoxe comeza en Tui o Festival Internacional de Documentais Play-doc

17/03/2010

Na presentación do festival o Alcalde pon de relevo a "aposta" do concello por Play-Doc

O Concelleiro de Cultura destaca o festival coma a actividade máis importante do ano en Tui

 

 

Martes, 16 de marzo de 2010. "Play-Doc é aire fresco para a cultura de Galicia". Así de rotundo se manifestou esta mañá o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez, na presentación da sexta edición do Festival Internacional de Documentais de Tui, que se vai celebrar na cidade dende mañá mércores, 17 de marzo, ata este domingo día 21.

 

O acto tivo lugar no primeiro andar da Área Panorámica onde os directores do festival, Sara García e Ángel Sánchez, estiveron respaldados polo Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, e o Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez.

 

O edil de Cultura salientou na súa intervención que "Play-Doc é a actividade máis importante do ano en Tui" engadindo que se trata dun festival de referencia en toda España. Salientaba Moisés Rodríguez que "é un orgullo vincular Tui, Cultura e Play-Doc" porque este é un festival que contribúe, segundo explicaba á promoción turística da cidade. Remataba o Concelleiro destacando que "Play-Doc é algo de todos os tudenses que temos que defender" porque é "un investimento rendible e seguro".

 

Pola súa parte o Alcalde de Tui, Antonio Fernández Rocha, puxo de relevo que "O Concello de Tui aposta polo festival" sinalando que  "proba diso é a aportación económica que facemos que comezou con 1.500€ e que este ano acada os 18 mil euros". Lamentou o rexedor tudense a falta de apoio doutras entidades que colaboraron co festival en anteriores edicións e que este ano non o fan.

 

Sara García, directora de Play-Doc, expuxo na súa intervención que a 24 horas do inicio "estamos moi nerviosos pero orgullosos da programación que presentamos". Explicou que debido a crise económica este ano tiveron moitas incertidumes "pero iso non desmereceu nada a programación e os contidos son de primeiro nivel coma cada ano".

 

Sara García fixo un pequeno resumo da oferta que presentan dende mañá ata o domingo. Na sección oficial indicaba que se proxecta unha mostra do máis interesante que se está a facer nestes momentos no cine documental. A isto engaden na sección informativa dúas retrospectivas dedicadas a Raymond Depardon e Jay Rosenblant, ao que se suman actividades paralelas de primeiro nivel con concertos, exposicións e obradoiros que "converten a Play-Doc nun festival multidisciplinar que dialoga con outras artes". Quixo tamén incidir noutra das señas de identidade do festival, coma é a celebración do mesmo en Tui o que segundo dicía "lle dar maior valor e permite que se cree unha atmosfera moi especial".

 

Mentres Ángel Sánchez, director de Play-Doc, salientou que un ano máis "realizamos un esforzo titánico para poder facer un festival con todos os ingredientes e características dun gran festival. Desexou que o público goce deste evento que chega "cargado de grandes sorpresas e momentos intensos".

 

Play-Doc vaise celebrar en Tui do mércores 17 ao domingo 21 de marzo cun orzamento que acada os 90 mil euros.

 

Programación completa en www.play-doc.com