Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Gramola Gominola trae o seu Rock&Roll ao Teatro Municipal nas festas de San Telmo

21/04/2025

Estarán hoxe luns ás 18 h en concerto con entrada libre

Hoxe, ás 18 horas, o Teatro Municipal converterase nunha festa de enerxía e música en galego coa actuación de A Gramola Gominola, unha das bandas máis potentes do panorama musical infantil galego. Enmarcado dentro da programación das festas de San Telmo, este concerto promete facer vibrar ao público máis novo, e tamén aos maiores, ao ritmo do rock&roll en galego.

Desde a súa creación, en 2015, teñen ofrecido centos de concertos por toda Galicia, cunha posta en escena chea de ritmo, humor e moita participación. Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di Elas, Lacón con Grelos) forman A Gramola Gominola. En 2018 recibiron o Premio Martín Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil.

Hoxe interpretarán os temas que conforman o seu terceiro traballo Bravas. O rexurdir da luz, pero de seguro non faltarán as cancións dos dous libros-cd anteriores A Gramola Gominola (2015) e Cancións para desafinar (2017).

O concerto será un espectáculo musical para toda a familia con entrada libre.

Actuación da Coral Ponte das Febres

Tamén dentro da programación das Festas de San Telmo, hoxe ás 16.30h no Centro de Día Amoralia, actuará a Coral Ponte das Febres.