Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Ghazafhellos presenta “Contos Mariñeiros” este venres ás 20h no Teatro Municipal

7/10/2009

Ghazafhellos presenta "Contos Mariñeiros" este venres ás 20h no Teatro Municipal

É unha obra para todos os públicos especialmente recomendada para os cativos

 

Martes, 6 de outubro de 2009.  Este venres, 9 de novembro, ás 20h, o Teatro Municipal de Tui acolle unha representación de teatro infantil da man da compañía Ghazafhellos da Coruña. A obra que van levar a escena titúlase "Contos Mariñeiros" escrita e dirixida por Pepablo Patinho. As entradas, cun custe de 3€ para adultos, e 2€ con descontos e para os menores de 12 anos, poranse á venda ás 18.30h no despacho de billetes da Área Panorámica.

 

En Contos Mariñeiros, ao longo de 70 minutos, coñecemos a historia dunha nena que sae na busca do seu pai logo de que o seu barco o "Bestazurra" naufragase. A nena na súa viaxe irá percorrendo distintos faros da costa galega onde coñecerá a estrañas personaxes que a guiarán ata a Arriola Verde.

 

Nesta montaxe Ghazafhellos trata o tema dos naufraxios presentando a historia dun xeito divertido e natural, procurando unha mensaxe positiva á hora de enfocar a situación familiar, ao tempo se que se repasa a cultura mariñeira. "Contos Mariñeiros" é unha obra para todos os públicos recomendada especialmente para o público infantil que se estreou en abril deste ano en Narón.

 

Ghazafelhos é unha compañía de teatro creada por Montse Piñón e Pepablo Patinho no ano 2006 en Narón. Centrándose no traballo de títeres, animación e teatro, especializáronse na realización de obras tetarais para público familiar. Na súa andaina como compañía, realizan contacontos, títeres, mímica... e obradoiros de teatro para nenos e adultos.

 

Ghazafhellos con "Contos Mariñeiros"

Lugar: Teatro Municipal

Data e hora: Venres, 9 de outubro ás 20h

Entradas: 3€ adultos -2€ con descontos e menores de 12 anos

Venda de entradas dende ás 18.30h