Gastronomía, un xogo de escapismo e unha visita guiada pechan a programación do Setembro Xudeu
A programación do Setembro Xudeu en Tui remata esta fin de semana pechando a oferta de actividades desenvolvidas ao longo deste mes que contaron cunha moi boa acollida. Un xogo de escapismo ao aire libre, a derradeira visita guiada e as xornadas gastronómicas son as citas desta fin de semana.
Así hoxe sábado, ás 18 h, diante da Oficina de Turismo comezará o xogo de escapismo sobre a “A comunidade xudía de Tui” que levará as persoas participantes a unha emocionante aventura polas rúas do centro histórico seguindo as indicacións e pistas para ir resolvendo os diferentes desafíos.
Mañá domingo terá lugar derradeira das visitas programadas para realizar un percorrido polos principais fitos relacionados co patrimonio e a presenza xudía na cidade. Correrá a cargo da guía oficial de turismo e acreditada pola Red de Juderías, Sara Quintana Vila. Esta visita comezará ás 18 h diante da Oficina Municipal de Turismo.
Hoxe sábado será a última xornada na que os oito establecementos de hostalaría participantes nas “Xornadas gastronómicas sefardís: ruta de tapas de bacallau” ofertarán as súas especialidades ao prezo de 2,00 euros. Aqueles que teñan ao menos cinco selos poden entregar os pasaportes da ruta na Oficina de Turismo ata o 10 de outubro para entrar nun sorteo de agasallos.
As persoas interesadas aínda están a tempo de tomarse unha foto nos photocall instalados na Praza do Concello e diante da Oficina de Turismo coa árbore, a imaxe escollida para a celebración das “Xornadas Europeas da Cultura Xudía” pola Red de Juderias de España, á que pertence este Concello de Tui dende o ano 2019. Logo poden subila a instagram etiquetando á conta da Red de Juderías @redjuderias, para participar no sorteo de diversos agasallos.
Ana María Núñez Álvarez, concelleira de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, congratúlase do éxito de participación rexistrado ata agora animando a veciños e visitantes a participar nestas últimas actividades do “Setembro xudeu en Tui”. A concelleira tudense lembra que Tui é a única cidade da provincia de Pontevedra que forma parte da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad e do itinerario cultural do Consello de Europa “Rutas do patrimonio xudeu” que xestiona a The European Association for the Preservation and Promotion of Jewish Culture and Heritage (AEPJ).