Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Gastronomía e música propostas vespertinas na VII Festa do Miño

17/08/2017
Presentación da Festa do Miño

Dez asociación culturais elaborarán pratos tradicionais  e Mitic, o espectáculo porá a nota musical na rúa Lugo

A gastronomía e música estarán tamén presentes este sábado, 19 de agosto, dentro da programación da VII Festa do Miño que se celebra en Tui. Esta mañá presentouse na casa do concello a VII Festa Gastronómica e o concerto Mitic, o espectáculo que a partir das 20h se celebrarán na rúa Lugo.

A presentación correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Cultura, María José Rodríguez, de Álvaro Costas e Suso Costas de Mitic, e dun representante das asociacións culturais Santiago de Malvas, O Mosteiro de Pexegueiro, Seixos Albos de Areas, Lembranzas da Terra de Guillarei, San Fins de Rebordáns, Santa Columba de Ribadelouro, Espenicelo de San Bartolomeu, Laxes de Paramos, Xuntanza de Randufe, e Aloia de Pazos de Reis que participarán na festa gastronómica.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explicou que a Festa do Miño é “a festa do río, un dos nosos emblemas medioambientais”, ao tempo que fixo un chamamento á participación nas distintas actividades previstas ao longo da xornada. Na súa intervención tivo palabras tamén para agradecer ás distintas asociación culturais o traballo que realizan ao longo de todo o ano.

A concelleira de Cultura, María José González, lembrou na súa intervención coma a Festa do Miño naceu ao abeiro do Descenso Internacional do Miño para completar así unha xornada festiva na que se conxuga deporte e lecer. Agradeceu ás asociación culturais a súa participación nun evento no que a gastronomía popular encherá a rúa Lugo dende ás 20h, e no que ás 22.30h está previsto o concerto “Mitic. El espectáculo”.

As dez asociacións participantes na VII Festa Gastronómica ofrecerán dende ás 20h produtos tradicionais coma empanada, con especial presenza da de millo, empanadillas, tortilla, chouripan, bocadillos variados, así coma sobremesas de elaboración caseira a prezos que oscilarán entre 1 e 3€. Tamén haberá distintos postos de bebidas a cargo destes colectivos culturais.

Na presentación de hoxe os seus representantes agradeceron ao concello a oportunidade que lles brinda de poder participar un ano máis nesta festa, que serve ao tempo de punto de encontro e reunión das distintas asociacións culturais da parroquias tudenses.

Álvaro Costas de Mitic, o  espectáculo explicou que sobre o escenario estarán este sábado na rúa Lugo quince músicos de longa traxectoria tocando ao compás da gaita temas de Carlos Gardel, Frank Sinatra, Europe, Bon Jovi,… nun evento pensando para que o público tamén participe. Dicía Álvaro Costas que este espectáculo é outro xeito de defender a nosa tradición musical.

Unha xornada festiva na que o río é o protagonista con actividades ao longo de todo o día

Lembramos que a VII Festa do Miño comezará ás 12h na ribeira de Caldelas coa romaría popular, e ás 16h dende a mesma ribeira sairán os 780 participantes no VII Descenso Popular. Ás 18.30h dende Salvaterra sairán os 560 padeeiros que competirán no 46º Descenso Internacional do Miño completando os 15 quilómetros ata a liña de meta situada fronte ás gradas na rúa Olímpicos Tudenses.

Restricións no tráfico

Debido á celebración da Festa do Miño e para garantir o bo desenvolvemento das actividades previstas haberá restricións no tráfico nas zonas onde terá lugar.

Así dende mañá venres ás 8h e ata o domingo ás 3h non se poderá estacionar na rúa Lugo, na que o sábado pola mañá só se poderá circular por un carril, e dende ás 14h pecharase á circulación.  Amais non se poderá nin estacionar nin circular pola rúa Mondoñedo dende o sábado ás 10h, e pola rúa Ourense dende ás 15h do sábado ata ás 3h do domingo.  Tamén se verá afectada a saída do aparcamento municipal cara a rúa Ourense onde estará prohibido estacionar dende mañá venres ás 8h e se pechará o sábado dende ás 13h.

Amais dende o sábado ás 8h non se poderá estacionar e se limitará a circulación na rúa Tenencia, e na rúa Olímpicos Tudenses, así coma dende o cruzamento da Avenida de Portugal cara estas rúas.