A gala benéfica de Protección Civil de Tui será en favor de ACEESCA e Galiclown
Celebrarase o sábado, 16 de novembro, no Teatro Municipal de Tui coa actuación do monologuista Damián Alonso e o grupo Toke de Queda
Música, humor e solidariedade encherán o Teatro Municipal de Tui o sábado, 16 de novembro, na gala benéfica organizada pola Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Tui, coa colaboración do Concello de Tui, en favor de ACEESCA e Galiclown, Pallasos de Hospital. Actuarán o monologuista Damián Alonso e o grupo Toke de Queda.
Na casa do concello tivo lugar esta mañá a presentación deste evento solidario coa participación do alcalde, Enrique Cabaleiro, e da concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, xunto ao presidente de Protección Civil, Juan González, e a tesoureira, Cristina Pazo. Participaron tamén o humorista Damián Alonso, e Juan Vázquez e Silvia Bouza do grupo Toke de Queda, así coma a xerente de ACEESCA, Ángeles Feijoo, e o representante de Galiclown, Javier Argüelles.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, trasladou aos voluntarios de Protección Civil o seu recoñecemento polo labor altruísta que realizan ao longo do ano, ao que se suma a organización desta gala benéfica. Agradeceu a colaboración dos artistas participantes e salientou o labor que realizan tanto ACEESCA coma Galiclown. Rematou sinalando que “estamos encantados de colaborar e pór o noso gran area” para que este evento solidario se poida levar adiante, e rematou convidando á cidadanía e as persoas que nos visitan a asistir e este evento para coa súa aportación “axudar a paliar as necesidades de financiamento que teñen estas asociacións”.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, destacou que esta gala benéfica celebrará o próximo 16 de novembro a súa cuarta edición, agradecendo a Protección Civil a súa organización, agardando que este “evento sexa todo un éxito”.
Juan González, presidente de Protección Civil, foi o responsable de explicar os detalles deste evento que se celebrará no Teatro Municipal agradecendo a Toke de Queda e Damián Alonso a súa participación, así coma a todas as persoas que dun ou doutro xeito van colaborar. Así informaba que os voluntarios visitarán os comercio e empresas de Tui solicitando a súa colaboración con este evento. Tamén venderán rifas para “recadar o máximo posible”.
Ángeles Leirós, xerente de ACEESCA, agradeceu aos organizadores “que puxeran o foco en nós para ser beneficiarias” xa que máis aló do donativo tamén contribuirá á visibilización do labor que realizan. Avanzaba que teñen en marcha construción dunha residencia-fogar que será unha vivenda para persoas con discapacidade intelectual que están a executar en Torneiros, con capacidade de 40 persoas en residencia e de 10 máis coma centro de día. “Sexa cal sexa a contía da doazón que academos é un gran de area que vai facer que este soño das persoas poida ser unha realidade” día.
Galiclown naceu en 2019 estando integrada na actualidade por 30 persoas voluntarias tal e coma explicou Javier Argüelles, quen sinalou que son unha asociación moi pequena pero consideran que o que realizan “é moi importante”. Levan as artes escénicas á área de pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro dende o hospital de día, á REA, á UCI … “o sorriso é o mellor premio que sempre levamos”. Apostan pola formación continua dos voluntarios e coa doazón que perciban agarda poder ampliar a actividade máis tempo e noutros espazos”.
O evento abrirase co monólogo de Damián Alonso, que na presentación explicou que “para mín é unha honra participar nesta gala benéfica” engadindo que “estaremos no medio da xente que traballa coa solidariedade todos os días do ano coma Protección Civil, ACEESCA e Galiclown”.
Logo será a quenda a música coa interpretación de versións e temas propios por parte do grupo tudense, cuxos integrantes formaron parte xa doutras agrupacións coma Sin Palabras ou Esquecidos coma explicaba Juan Vázquez. Engadiu que “un pracer colaborar neste evento porque así realizamos a nosa aportación a estes dous colectivos”. Amosou a súa satisfacción por actuar no “noso teatro”, por facelo xunto a Damián Alonso, e porque este evento tamén lles dará visibilidade. Entre as actuacións haberá sorteos de agasallos doados por distintas casas colaboradoras.