Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

G Face abre nas Festas de San Telmo a súa primeira xira

14/04/2025

O Espazo Feiral acollerá este sábado este concerto no que interpretará variedade de estilos

As festas de San Telmo serán o escenario do inicio da primeira xira do artista tudense G Face. Abrindo a programación festiva estará en concerto este sábado, 19 de abril, ás 23.59 h no Espazo Feiral.  Aquí comeza “G Face na Casa” un espectáculo de case dúas horas no que estará acompañado por unha banda de catro músicos, dous coristas, un corpo de baile e un cadro de mariachis.  G-Face promete facer cantar e  bailar ao público ao ritmo dos seus éxitos tanto en galego como en castelán, dende “Vaivén”, “Miña Rianxeira” ou o recen lanzado “Mi luna” con gran variedade de estilos nos que non falta nin a cumbia, nin a bachata.  Todo cunha coidada produción, cun impactante deseño de luces, efectos  especiais e coreografías sorprendentes.

O propio artista confesa que “comezar a miña xira, co primeiro concerto en Tui é un soño cumprido”.  Recoñece que é toda unha responsabilidade abrir as festas de San Telmo, amosándose moi ilusionado ante   “un concerto moi especial e divertido, no que van pasar moitas cousas”.

G Face comezou no 2021 a súa carreira musical con 11 cancións editadas no seu primeiro ano. No 2023 lanza o seu primeiro álbum “Origen”, un dos seus proxectos máis ambiciosos até que, no 2024, estreou o documusical “G Face na casa”, un proxecto audiovisual que incluíu cinco novas cancións en galego.

Agora, e tras o recente lanzamento do seu novo sinxelo “Mi luna”, abre a súa xira por Galicia coa primeira parada en Tui.