Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Fillas de Cassandra presenta o seu novo espectáculo Últimas Dionisíacas nas Festas de San Telmo

23/03/2024

O seu concerto será o sábado 30 ás 00 h no Espazo Feiral con entrada gratuíta. Previamente actuará A Quinkillada e pechará a noite Dj Amarok

Fillas de Cassandra, o dúo formado por Sara Faro e María SOA, presentará nas Festas de San Telmo 2024 o seu novo espectáculo Últimas Dionisíacas. Será o sábado, 30 de marzo, ás 00 h no Espazo Feiral. En Últimas Dionisíacas revisitan os éxitos do LP Acrópole desde unha electrónica máis escura e potente, e no que o dúo deixa entrever o que será o seu novo traballo discográfico, xunto a outras composicións inéditas.

Últimas Dionisíacas é un convite a un festexo colectivo no que o dúo musical propón a integración de dúas músicas, apostando pola organicidade do piano, o bombo legüero, as pandeiretas, os pandeiros, violín ou as harmonías vocais en rigoroso directo, sen esquecer as bases electrónicas producidas por María SOA e Berto.

Na posta en escena a luz e a escenografía, na que sobre catro peanas se elevan catro figuras a modo de Cariátides, sostendo a historia, súmanse á forte presencia e conexión co público de Fillas de Cassandra, as súas letras directas e emotivas e a súa sonoridade na que se mestura o tradicional, o pop e o techno.

Fillas de Cassandra que esta noite porán a música á gala dos Premios Mestre Mateo, contan con catro nominacións aos premios MIN, Premios da Música Independente, nas categorías de Mellor Vídeo clip, Mellor Artista Emerxente, Mellor Albume de Música de Raíz, e Mellor Albume en Galego.

A entrada ao concerto do sábado 30 en Tui é de balde.

A Quinkillada actuará ás 22 h e pechará a noite Dj Amarok

Previamente, ás 22 h, e no mesmo lugar, o Espazo Feiral, actuará a banda galega de verbena-fusión A Quinkillada coa súa nova xira Puro Inferno na que presentan unha formación renovada, e na que os metais reclaman a súa presenza nun repertorio que mestura temas do seu primeiro disco “Gozar, sentir, bailar” coas cancións do seu segundo disco “Mortal Cumbia”.

Yago Graña, Rubén Valverde, Víctor Gómez, Daniel Acuña, Hector Lorenzo, Jesús Porto e Daniel González, presentarán unha fusión espectacular de cumbia e novos sons que promete converter o Espazo Feiral de Tui nunha festa.

Pechará a primeira noite das festas, á 1.30 h da madrugada Dj Amarok.