Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Festival do Meixón, Carreira Popular de San Telmo, o desfile exaltación do traxe tradicional, e actuacións musicais destacan no programa previsto para mañá domingo.

2/04/2016


Mañá ás doce do mediodía comezará no Paseo da Corredoira, baixo carpa, o Festival do Meixón, unha cita gastronómica das festas de San Telmo recuperada polo Concello neste 2016 tras varios anos sen celebrarse. Os cociñeiros de restaurantes locais serán os encargados de preparar ás 500 racións que se porán á venda ao prezo de 40€, servidas en cazola de barro, acompañadas de pan e de viño albariño.


No mesmo Paseo da Corredoira celebrarase a Carreira Popular de San Telmo organizada polo Club Atletismo Tui Thermalia en colaboración co Concello de Tui, na que hai 745 inscritos. Ás 10.30h terá lugar a saída para os xuvenís, seniors e veteranos que deberán completar un percorrido de 6.320 metros polo centro urbano. A partir das doce disputaranse as carreiras nas categorías inferiores de cadetes a pitufos. A entrega de premios está prevista para ás 13.15h.


Ás 11h terá lugar o desfile exaltación do traxe tradicional dende a Área Panorámica ata a Praza de San Fernando. Percorrido que farán tamén os xigantes e cabezudos acompañados polos grupos de gaitas Lóstregos e de baile Saragana da Asociación Xuvenil e Cultural do Traxe de Tui e polo grupo de pandereteiras As Dabadía.  Ás 12h a Banda de Música Popular de Tui ofrecerá un concerto no Paseo da Corredoira (en caso de choivas cancelarase). Pola tarde a charanga tudense Cantos Somos actuará polas rúas de Tui.  E verbena de mañá domingo será amenizada pola Orquestra Ciudad Cristal, na rúa Compostela, e pola orquestra Abanico, no Paseo da Corredoira.