Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A Feira dos Cabalos, Campionato Popular de Slot, concerto da Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín e a procesión de San Telmo despiden as festas en Tui

3/04/2016


Mañá luns, 4 de abril, Luns de San Telmo, é festivo local en Tui. Nesta xornada rematan as festas na honra a San Telmo que se veñen celebrando na cidade dende o pasado sábado 26 de marzo organizadas este ano polo Concello de Tui.


O programa festivo do luns comeza a primeira hora da mañá na rúa Loureiro, en San Bartolomé, coa tradicional Feira dos Cabalos. A compra-venda de gando ocupará a actividade durante as primeiras horas deste evento no que se dan cita centos de persoas ao longo da maña. A partir das 12.30h haberá distintas exhibicións de doma, destacando a de doma clásica con cabalos de pura raza galega que se realizará por primeira vez. Tamén haberá pases de monta antiga, de doma clásica ou de doma en liberdade, e premios para os mellores exemplares presentes na feira.


Durante todo o día, de 11 a 20h, poderá visitarse no recinto do IES San Paio a Feira Agroalimentaria que reúne a corenta empresas de maquinaria agrícola, automoción, alimentación... Acolle tamén unha exposición de bonsais e de maquetas, actividades infantís e exhibicións ao longo do día. A entrada ten un prezo de 1€. Precisamente no recinto da feira, no interior do pavillón do IES San Paio, vaise disputar ás 16h o “Campionato Popular de Slot Festas de San Telmo” organizado polo club MosSlot para o que calquera afeccionado local se pode inscribir en www.mosslot.com ou directamente na feira aboando o euro que custa participar. Esta agrupación montou cinco pistas de slot no interior do pavillón onde xa o sábado se disputou a segunda proba do circuíto MosSlot 1/32.


O luns ás 18h a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín ofrecerá un concerto na Praza de San Fernando. En caso de choiva cancelarase. Ás 19h está prevista a entrada no Paseo da Corredoira da Banda de Guerra e Guión da BRILAT, e quince minutos máis tarde realizarase a homenaxe aos confrades falecidos de San Telmo diante da igrexa do santo. A orquestra Olympus actuará na rúa Compostela ás 20h e ás 23.30h.


Pola mañá ás 11h terá lugar a misa na honra a San Telmo, presidida polo bispo da diocese, cantada pola Coral San Telmo. De seguido sairá a procesión das reliquias pola coronilla. Ás 21h celebrarase a solemne procesión de San Telmo que sairá da Catedral para realizar un percorrido polas rúa do centro urbano e regresar ao templo catedralicio. Na mesma amais da imaxe do patrón de Tui participan tamén as imaxes dos santos e virxes que se veneran nas distintas parroquias tudenses sendo un dos actos procesionais máis numerosos da contorna tanto polo número de persoas que participan no mesmo como polas que se achegan a contemplar o seu paso ao longo do percorrido. Ao remate na Praza de San Telmo ten lugar a ofrenda floral ao Santo, e se interpretará a Salve Mariñeira e o Himno a San Telmo.


Pondo o broche final as festas ás 23.15h está prevista unha tirada de fogos de artificio.