Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Faleceu o ilustrador tudense Martin Rodriguez,Mención Honorífica Especial do Concello de Tui

18/07/2023

Dende o Concello de Tui lamentamos o pasamento de Martín Rodríguez Álvarez, ilustrador tudense que o ano pasado recibía a Mención Honorífica Especial do Concello de Tui en recoñecemento a súa traxectoria persoal e artística, onde a cidade de Tui ten ocupado un lugar preeminente.  

Aínda que residía en Santa Cruz de Tenerife mantiña unha constante relación con Tui. A derradeira visita que realizou a cidade foi en xuño do ano pasado, cando se lle fixo entrega da Mencion Honorifica Especial.

Dende o Concello de Tui enviamos unha sentida aperta á súa familia e as súas amizades.  

Martín Rodríguez Álvarez foi un afamado ilustrador, nado na nosa cidade o 18 de novembro de 1938, na rúa das Monxas. Profesional da Armada levaba moitos anos residindo en Santa Cruz de Tenerife pero mantendo unha constante relación coa nosa cidade e as súas xentes.

O pasado ano, no decurso da que foi a súa última visita a Tui, o Concello tudense concedeulle unha Mención Honorífica Especial, entregada polo alcalde o 9 de xuño de 2022 nun acto que contou coas presenza de numerosos veciños.

D. Martín Rodríguez Vázquez foi autor dunha ampla obra gráfica dedicada á nosa cidade e á illa de Tenerife onde residiu. A súa obra realizada con plumiña se caracteriza pola súa calidade técnica así como pola súa capacidade evocadora, especialmente naquelas láminas onde recolle escenas do pasado da nosa cidade.

“Martín de Tuy”, nome que empregaba ás veces como pseudónimo, ten contribuído coa súa produción gráfica e artística á difusión de Tui e o seu patrimonio cultural, como queda expresado nos seus libros “Tuy en blanco y negro” (1985) e “Recuerdos de Juventud” (2018) que conteñen xunto a unha ampla colección de imaxe da nosa cidade diversos relatos sobre as súas vivencias tudenses.

Como afirma o cronista oficial da cidade, Ernesto Iglesias Almeida, no prologo ao libro “Recuerdos de Juventud”: Martín es un consumado dibujante con una muy amplia producción artística (...) practicamente no hay un rincón tudense que el no tratase, se nota en ellos el gran cariño que tiene por su ciudad natal.

Esta ampla produción gráfica sobre a nosa cidade é apreciada e sentida por moitos veciños que conservan con estima os debuxos de Martín Rodríguez Álvarez que ficará como unha das referencias artísticas da nosa cidade.