Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición “Estampas Anagrámicas” do tudense Rafael García Sánchez poderase visitar de novo en San Telmo despois de 87 anos

5/04/2021

A mostra reúne 72 ilustracións do tudense Rafael García Sánchez

Estampas anagrámicas” é o título da exposición do tudense Rafael García Sánchez que dende este mércores, 7 de abril e até o 15 de maio, ser´poderá visitar na Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui.  Unha das peculiaridades desta mostra é que volve a exhibirse en Tui logo de 87 anos, pois o autor achegara esta colección para unha exposición celebrada no Casino tudense no ano 1934, ano no que se celebraron as festas de San Telmo no mes de xuño.

A segunda peculiaridade desta exposición é o seu contido. Son 72 láminas coa orixinalidade que cada debuxo, dedicado a unha persoa ou lugar, está realizado combinando as letras da cada palabra, pero asombrosamente esa combinación de letras logra reproducir ou a cara do personaxe ou o símbolo que identifica a cada lugar. Hai unha mestura de sinxeleza, de calidade no trazo e de modernidade logrando unhas imaxes que anticipan as técnicas de deseño contemporáneo.

Para a concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, esta exposición recupera para os tudenses a figura deste egrexio debuxante e ilustrador que enriqueceu e enriquece a vida cultural tudense. Rafael García Sánchez era ata o momento un gran descoñecido para os tudenses e con esta mostra recupérase a súa obra artística de notable valía e interese, pois a pesar do tempo transcorrido, as súas ilustracións “anagrámicas” seguen resultando actuais e cun trazo orixinal A exposición, engade, resulta de grande atractivo para todas as idades.

Rafael García Sánchez forma parte dunha xeración de ilustradores tudenses de alta calidade que abrangue a Eduardo Padín Rodríguez (Tui 1886 – Vigo 1979), José Izquierdo Durán “Yzquierdo” (Tui 1890 – Madrid 1930), Guillermo Taboada Infante (Tui 1909 – Madrid 2006) e José Castro Arines (Tui 1911 – Madrid 1997).
Esta colección foi entregada ao Concello de Tui no ano 2019 pola familia Arean Pereira e houbo que agardar ata agora para poder realizar esta exposición coincidindo co programa cultural de San Telmo.

Apuntes biográficos de RAFAEL GARCÍA SÁNCHEZ

Son escasos os datos biográficos que coñecemos.

Nace en Tui nos anos oitenta do século XIX. Foron seus pais Ignacio García e Generosa Sánchez e os seus irmáns José García Sánchez, afamado avogado tudense e correspondente do Faro de Vigo moitos anos, Manuel, médico militar, Ignacio, comisario de policía, e Purificación, casada co militar portugués Isidoro Pereira Padín. Rafael García Sánchez estivo solteiro.

En 1911 como empregado dunha casa industrial e traballando en Portugal foi detido en Régoa, acusado de conspiración contra a recentemente proclamada República portuguesa, e encarcerado en Porto e Lisboa durante once meses, liberado coa obriga de abandonar Portugal tras as xestións do ministro plenipotenciario na legación de España en Lisboa, Rodrigo de Saavedra y Vinent, II marqués de Villalobar.

Posteriormente na súa actividade profesional foi oficial de Facenda, adscrito a cidade de Tui, logo destinado, a petición propia, á Aduana de Behovía – Irun onte traballou ata a súa xubilación. 

Dedicado dende novo ao mundo da ilustración, colabora en diversas publicacións como “Vida gallega” (1920), “Faro de Vigo” (1925) ou a revista tudense “La Semana” (1925).
Cultivou tamén a “cisografia”, técnica consistente no debuxo de persoas ou escenas recortadas en cartolina negra colocadas sobre un fondo luminoso; realizando diversas exposicións con esta técnica.

Exposición Estampas Anagrámicas

Esta exposición “Estampas anagrámicas” foi inaugurada, por vez primeira, no “Lar Gallego” de San Sebastián coincidindo coa festa do apóstolo Santiago do ano 1932.

En xuño do ano 1934 realiza de novo esta exposición no Casino de Tui, enviando a colección de estampas ao presidente de la Liga de Amigos de Tuy, don Rosendo Troncoso Bugarín, para amenizar o programa de festexos de San Telmo. “Habiamos admirado ya en otras ocasiones algunas de las sugestivas creaciones de este “verdadero artista” del lápiz y la pluma que le otorgaban con indiscutible derecho el titulo de gran dibujante” sinala o correspondente de El Pueblo Gallego.

No ano seguinte, nos meses de outubro e novembro de 1935, esta mostra foi presentada en Vigo nos salón de “Amigos del Arte”.