Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

A exposición do proxecto Albufeira pode visitarse durante unha semana en Tui

29/09/2022

Aborda a importancia dos recursos hídricos e a súa dimensión medioambiental

O Anexo da Sala Municipal de Exposicións acolle dende hoxe, 29 de setembro, e durante unha semana unha pequena exposición itinerante promovida polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico realizada ao abeiro do denominado Proxecto Albufeira sobre a xestión e a conservación dos recursos hídricos do noso entorno e as especies e hábitats asociados a estas masas de auga.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, xunto coa Axencia Portuguesa do Ambiente, atópase desenvolvendo o PROXECTO ALBUFEIRA (asociado ao Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020), que ten por obxectivo mellorar a coordinación das accións para promover e protexer o bo estado das masas de auga compartidas entre España e Portugal para a súa protección e aproveitamento sustentable.

Este proxecto abarca diferentes aspectos de carácter técnico, social, ambiental e económico. Unha das súas liñas de actuación é a sensibilización dos axentes sociais e da poboación de zonas transfronteirizas sobre a cooperación en concas hidrográficas compartidas, perseguindo o fomento da biodiversidade e preservación dos ecosistemas asociados a estas masas de auga, así como o seu uso sustentable.

Unha das actividades destacadas nesta liña de actuación é a exposición itinerante, que estes días está en Tui, enfocada a informar acerca dos obxectivos do Proxecto Albufeira á poboación dos municipios próximos á fronteira, considerada parte importante na xestión e conservación dos recursos naturais.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, agradece a elección  do Concello de Tui por parte do Ministerio para promover esta actividade de sensibilización de carácter medioambiental como son os recursos hídricos e a necesidade da súa conservación.