Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Exposición de pintura da tudense Lúa Gándara na sala de exposicións municipal

14/08/2006

Do 16 ao 31 de agosto exposición de pintura “Plástico estático” da tudense Lúa Gándara na Sala de Exposicións Municipal
A Concellería de Cultura do Concello de Tui informa que dende o vindeiro mércores 16 de agosto ata fin de mes na Sala de Exposicións Municipal do edificio da Área Panorámica de Tui se pode visitar a exposición “Plástico estático” da nova artista tudense Lúa Gándara.

Aproximadamente trinta cadros forman esta exposición baixo o título “plástico estático”, posto sobre todo polo cadro “mozas plásticas” e pola permanencia dos sentimentos tan variables na obra plástica. Amais, no conxunto da obra exposta resalta a presenza de paxaros, son os paxaros azuis do poema “bluebird” de Bukowski, metáfora da sensibilidade que se agocha no corazón e que moitas veces tratamos de disimular.

Esta exposición, formada por pinturas de case todas as épocas da artista (que son poucas porque só ten 18 anos) foi definida por ela mesma como: “Esnaquizar un berro e pegalo en anaquiños polas paredes para lembrar sempre que un día todos tivemos medo ou recordos plastificados en pintura e moitos soños”.

Na seguinte dirección pódense atopar algunhas das pinturas expostas amais de fotografías e escritos: http://relojesmuertos.livejournal.com

Exposición de pintura “Plástico estático” de Lúa Gándara
Na Sala de Exposicións Municipal de Tui
Edificio Área Panorámica
Do 16 ao 31 de agosto