Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Exposición colectiva galego-portuguesa sobre o Camiño de Santiago

18/05/2010

O ANEXO DA SALA MUNICIPAL DE EXPOSICIÓNS DE TUI ACOLLE UNA EXPOSICIÓN COLECTIVA DE PINTURA GALEGO-PORTUGUESA SOBRE O CAMIÑO DE SANTIAGO

 

A zona Anexo da Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui (ubicada no edificio Área Panorámica - rúa Colón, 2) acolle dende o pasado sábado e ata o 30 de maio unha exposición colectiva de pintura galego-portuguesa que baixo a denominación de "Xacobeo 2010" realiza un percorrido visual polos principais enclaves do camiño portugués de peregrinación a Compostela.

Esta exposición está organizada pola  asociación "Artegrove", da localidade pontevedresa, xuntamente coa "Escola utopia de artes plásticas" de Porto, e na mesma participan conxuntamente 15 autores galegos e outros quince autores portugeses presentando, por tanto, trinta traballos que amosan os camiños de Santiago percorridos a través da arte.

Esta exposición comezou o seu particular camiño no pasado mes de xaneiro en Porto, continuando logo por Ponte de Lima, Arcos de Valdevez, Valença do Minho e agora Tui. De seguido proseguira o seu roteiro polo Castelo de Soutomaior, Pontevedra, O Grove, Marín, Caldas de Reis, Padrón e, finalmente, en Santiago de Compostela no mes de decembro.

O Concelleiro de cultura tudense, felicita  a "Artegrove" por esta iniciativa de grande proxección e agradece o seu interese por expoñer na nosa cidade esta mostra visual sobre o camiño de peregrinación a Compostela. Con esta nova actividade, engade Moisés Rodríguez Pérez, a cidade de Tui reafirma a sua condición de porta de entrada do camiño portugués casa a Santiago de Compostela, non xa para os peregrinos a pé, a cabalo ou en bicicleta, senón tamén para estes novos romeus da arte que coas súas obras contribuen a posta en valor deste roteiro que forma parte do patrimonio cultural europeo.