Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Experiencia única de convivencia do alumnado de 6º EP de sete colexios tudenses na Aloiada 2024

12/06/2024

Celebrarase mañá xoves e o venres no Galiñeiro, o Parque Natural Monte Aloia e o río Miño

Preto de 200 persoas, entre alumnado e profesorado, participarán mañá xoves e o venres na Aloiada 2024, unha iniciativa xurdida hai máis de 15 anos que brinda dúas xornadas de convivencia entre o alumnado de 6º de Primaria en espazos naturais do municipio.

Esta iniciativa foi presentada este mediodía na casa do Concello de Tui polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Ensino, Sonsoles Vicente, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, e polos directores e directoras dos sete centros participantes, Manuel Fálquez do CEIP de Pazos de Reis, Nuria Garabal do CEIP Nº1, Ramiro García do CEIP Nº2, Nerea Castro do CEIP de Rebordáns, Manuel González do CEIP de Caldelas, Lydia Arnoso do CEIP de Guillarei e Roberto Díez, do CPR Sta Mª Maristas.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, felicitou ao profesorado polo seu traballo e compromiso co ensino sinalando que “os poderes públicos temos o deber de especial coidado e de protección co ensino e co ensino público”. Dicía “o concello non pode ser alleo a organización deste evento que achega ao alumnado a espazos naturais do municipio, xa que temos o privilexio de ser un dos concellos de Galicia que ten máis espazo protexido por quilómetro cadrado, temos o Parque Natural Monte Aloia e unha rede importante de Rede Natura vinculada ao ámbito Río Miño, que son dous espazos que van ocupar a actividade desta Aloiada”. O coñecemento destas zonas, dicía, contribuirá a valorar e respectar este medio natural.

A concelleira de Ensino Sonsoles Vicente, salientou que a Aloiada é “unha experiencia única”, na provincia, de convivencia entre o alumnado de 6º de Primaria de sete centros educativos que logo se atopará nos institutos. Engadiu que nestas dúas xornadas alumnos e alumnas convivirán e disfrutarán das actividades previstas. Deu os parabéns aos colexios participantes polo seu traballo e esforzo.

O director do CEIP de Pazos de Reis, Manuel Fálquez, foi o encargado de explicar o programa previsto que sufriu cambios debido á previsión de choiva para mañá xoves á noite a mañá do venres, polo que este ano os participantes non durmirán no Aloia.

Comezarán mañá xoves ás 9 h no Monte Galiñeiro onde participarán en obradoiros de escalada, nós, orientación, primeiros auxilios… coa colaboración da Federación Galega de Montañismo e o grupo Scouts Alhoia. para logo realizar unha andaina até o Parque Natural Monte Aloia. A actividade retomarase o venres ás 16 h na rúa Olímpicos Tudenses, a carón dos centros municipais de remo e piragüismo, onde o alumnado realizará actividades acuáticas coa colaboración da empresa VerdeAzul, para rematar compartindo unha merenda. Xa no pavillón do CEIP nº2 terá lugar, ás 19 h, a despedida da Aloiada 2024 tras dúas xornadas de convivencia e experiencias entre os 160 alumnos e alumnas e os 40 profesores e profesoras que participan nesta edicións.  Unha iniciativa que é posible grazas tamén á colaboración de distintas casas comerciais.