Éxito do I Congreso Internacional de Tui-Valença
Éxito do I Congreso Internacional de Educación celebrado o pasado venres e sábado na Eurocidade Tui-Valença.
Máis de 300 persoas asistiron presencialmente ás distintas ponencias tanto no auditorio da Escola Superior de Ciencia Empresariais en Valença coma no Teatro Municipal de Tui, ás que se suman as máis de 500 visualizacións que as retransmisións en directo das dúas xornadas suman xa nestes momentos.
Destacados expertos a nivel internacional expuxeron as claves sobre as que debe xirar a educación do presente, e nestes dous días reflexionaron sobre as ideas nas que os investigadores poden centrarse neste territorio transfronteirizo, tal e coma se avanzou na presentación inicial das conclusións. Os organizadores comprometéronse a presentar as conclusións finais antes do remate do actual curso académico. Houbo coincidencia na vontade de que este primeiro foro teña continuidade, posiblemente, coa celebración do Congreso cada dous anos, para seguir afondado en todo o exposto nesta fin de semana e nos traballos de investigación que a partir de aquí se poidan iniciar.
A clausura, o sábado á tarde, correu a cargo do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, do vereador de Educaçao de Valença, Arlindo de Sousa, da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e da vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva Lantarón.
Enrique Cabaleiro destacou que "o ensino é o piar básico para construír unha sociedade que faga fronte a eses desafíos que temos por diante nun mundo cada vez máis complexo". Aludiu tamén á importancia de que a educación estea presente nos programas de cooperación transfronteiriza.
Mentres Arlindo de Sousa destacou que “Valença e Tui fixeron historia sendo o escenario deste primeiro congreso internacional de educación realizado entre cidades raianas da Península Ibérica”. Engadiu que os grandes especialistas relacionados coas temáticas da educación que participaron nestas xornadas “abriron novos horizontes para o ensino e a formación nos próximo anos”.
Pola súa parte Carmela Silva, presidenta da Deputación salientou que “este congreso internacional é unha extraordinaria idea e moi necesario”. Reclamou o papel que a educación ten na sociedade e afirmou que “non hai nada máis apaixonante que debater, pensar e construír educación”. Concluía indicando que “temos que sumar a todas e todas, o mundo local ten moito que dicir en todas as demandas que queremos facer do modelo educativo do que se falou aquí”.
Eva Lantarón, vicerreitora do Campus de Pontevedra da Universidade Vigo, deu os parabéns por “unir tantas vontades para falar dun tema transcendente para o futuro da educación das nosas xeracións, e para a formación dos educadores e educadoras destas crianzas e xoves do noso futuro”. Salientaba coma “Galicia e Portugal están chamados a estreitar cada vez máis as súas relacións e moito pode contribuír a iso a Educación”.
Previamente na exposición das conclusións Florencio Luengo do Proxecto Atlántida e Rui Trindade da Universidade do Porto explicaron que tres son as ideas sobre as que investigar nesta zona: o perfil de saída e a influencia no proxecto dos centros; como se plantexa o salto da avaliación por contidos á avaliación por competencias; e que perfil docente é o que se enfronta a este modelo de traballo por situacións.
Juan Manuel Moreno Olmedilla, Maria João Horta, José Moya Otero, e Ariana Cosme, foron os poñentes do primeiro día. Mentres o sábado abría a xornada o profesor Antonio Nòvoa, cuxa conferencia rematou co público en pé aplaudindo. Tras el houbo oportunidade de coñecer as experiencias que se están a desenvolver no CEIP nº1 de Tui, que prepara un novo congreso sobre os ODS para o remate do curso, e explicaron ademais os seus proxectos competenciais de participación e colaboración do alumnado. O IES San Paio compartiu a súa experiencia na iniciativa STEMbach, en colaboración coa Universidade de Vigo, que impulsa entre o seu alumnado a elaboración de proxectos científicos e de investigación en equipo. Mentres, o Centro de Formação Vale do Minho, o Agrupamento de Escolas da Cámara de Caminha e Muralhas do Minho presentaron o seu panel de competencias presentando o programa "Leio para crescer", para motivar a lectura e a aprendizaxe a través da literatura; "Educação patrimonial e sustentabilidade", cuxo obxectivo é educar ensinando tradicións e fauna da contorna; e "Ponte nas Ondas", o proxecto de radio transfronteirizo que está inscrito no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
Eusebio Machado, Javier Cortés e José Antonio Gómez abordaron a avaliación competencial e o perfil de saída; Juan de Dios Fernández, Antonio Bolívar, Luisa Ucha, centraron a súa participación na sostenibilidade e inclusión. Pero neste congreso tamén se abordou a propia profesión docente coas intervencións de Luiza Cortesão e Beatriz Álvarez.
Este congreso que abordou a educación do presente acorde coa sociedade actual, tal e coma se expuxo ao longo do mesmo, estivo organizado polo Proyecto Atlántida e os EIP, Equipos de Investigación da Universidade de Porto, co apoio do Concello de Tui, a Cámara Municipal de Valença, a Deputación de Pontevedra, Educación 3.0 e a Xunta de Galicia, entre outras entidades.