Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Éxito de participación nos cursos de informática promovidos polo Concello de Tui

11/11/2010

Éxito de participación nos cursos de informática promovidos polo Concello de Tui
Comezaron hoxe con 80 participantes

Mércores, 10 de novembro de 2010. Hoxe comezou o primeiro dos cursos de informática que o Concello de Tui organizou neste mes de novembro no Telecentro tudense. Aos poucos días de anunciar a convocatoria destas accións formativas a totalidade das prazas ofertadas foi cuberta. En total son 80 persoas as inscritas nos dous cursos convocados, e outras vinte máis en lista de espera.

O Concelleiro de Cultura, Moisés Rodríguez Pérez, saudou esta mañá aos 40 participantes no primeiro dos cursos, “Introdución a internet e correo electrónico”, amosando a satisfacción do Concello pola importante resposta acadada nesta convocatoria que certifica o acerto da súa realización para ofrecer aos cidadáns ferramentas de acceso ás novas tecnoloxías da información e a comunicación.

Para o Concelleiro de Cultura tudense con esta oferta de cursos o Concello de Tui tenta dinamizar a actividade do Telecentro e responder a unha ampla demanda de actividades formativas para os diversos segmentos sociais, neste caso cunha actividade dirixida especificamente a un sector precisado de accións de achegamento ás novas tecnoloxías: xubilados e amas de casa.

Este Telecentro de Tui é un equipamento promovido polo Concello de Tui e a Secretaria Xeral de Medios da Xunta de Galicia e que desenvolve una actividade formativa en diversos ámbitos e materias. En definitiva, trátase dun espazo á disposición da sociedade tudense para a súa formación e acceso ás novas tecnoloxías da comunicación e da información.

Mañá iniciase o segundo dos curso convocados sobre “Iniciación no procesador de textos”.