Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Éxito de participación nas Xornadas Europeas de Patrimonio celebradas esta pasada fin de semana

1/10/2007

ÉXITO DE PARTICIPACIÓN NAS “XORNADAS EUROPEAS DE PATRIMONIO” ORGANIZADAS POLO CONCELLO DE TUI NESTA FIN DE SEMANA 

Luns 1 de outubro de 2007. De éxito, cualifica o Concelleiro de Cultura do Concello de Tui, a celebración nesta pasada fin de semana das “Xornadas Europeas de Patrimonio” organizadas polo Concello tudense para conmemorar o XL aniversario da declaración da cidade como conxunto histórico. Máis de 600 persoas participaron nas visitas guiadas programadas a diversos lugares emblemáticos do patrimonio tudense. Salientan especialmente as máis de duascentas persoas que, onte domingo, participaron na visita realizada ás murallas de época medieval, realizando un percorrido polos treitos amurallados existentes no Convento das “Encerradas” en no Colexio de “La Milagrosa”, baixo a guía do cronista oficial da cidade, Ernesto Iglesias Almeida. O programa destas Xornadas completouse co itinerario guiado polas murallas de época moderna, a cargo do arquitecto Jaime Garrido Rodríguez, no sábado pola mañá. Na tarde do sábado os participantes puideron achegarse ao coñecemento pormenorizado do Claustro da Catedral tudense así como do paseo de ronda coa guía do historiador tudense José Ramón Fernández Fernández. O domingo amais da visita xa referida á muralla medieval, pola tarde o escenario das Xornadas foi a igrexa de San Bartolomeu de Rebordáns que foi explicada por Avelino Bouzón Gallego, cóengo arquiveiro da Catedral de Tui e párroco de Rebordáns. 

O concelleiro Moisés Rodríguez Pérez agradece a participación dos tudenses nestas actividades, así como dun numeroso grupo de persoas chegadas doutras localidades, que amosaron o seu interese pola conservación e posta en valor do noso conxunto monumental. Certamente o coñecemento e valorización do noso patrimonio é unha ferramenta básica para a súa conservación. O Concello de Tui amosa o seu compromiso de organizar de novo no vindeiro ano estas “Xornadas Europeas de Patrimonio”, o que non exclúe a realización nun futuro máis inmediato doutras accións de difusión patrimonial. As Xornadas Europeas de Patrimonio son unha acción conxunta do Consello de Europa e da Comisión Europea. Celébranse anualmente nos 49 estados asinantes do Convenio Cultural Europeo nos meses de inicio do outono. Dende hai 15 anos estas Xornadas ofrecen a posibilidade de celebrar a unidade e a diversidade dun patrimonio cultural común favorecendo a súa salvagarda e posta en valor. A iniciativa do Concello de Tui de sumarse a estas Xornadas co gallo da celebración do XL aniversario da declaración de Tui como conxunto histórico, é pioneira en Galicia. E así pódese consultar na páxina web das Xornadas no Ministerio de Cultura en: http://www.mcu.es/MC/EUPA/EUPA2007/galicia.html