Éxito de participación nas actividades da programación do Setembro Xudeu
A concellería de Turismo e Patrimonio do Concello de Tui, quere expresar a súa satisfacción polo éxito de participación social acadado nas actividades programadas ao longo do pasado mes de setembro para a promoción e difusión do patrimonio e legado vinculados ás comunidades xudías e criptoxudías radicadas en Tui ao longo dos séculos agrupadas baixo a denominación de “Setembro xudeu en Tui”.
Como en edicións anteriores foron as visitas guiadas, e especialmente a visita teatralizada e a nocturna, as que acadaron unha maior participación de asistentes, tanto veciños de Tui como xentes chegadas doutras localidades galegas. Mais de 500 persoas participaron nas catro visitas celebradas ao longo do mes o sábado 5, domingo 13, sábado 26 e domingo 27 de setembro.
Dada a positiva experiencia do pasado ano mantívose, en colaboración co Cine Club Tui, a proxección de senllas películas vinculadas coa temática destas xornadas, o xoves 10 foi proxectado o documental “Adio Kerida” (2002) de Ruth Behar, e xoves 17 o filme de Louis Malle “Lacombe Lucien”, entre ambas proxección participaron máis de oitenta persoas.
O programa abrangue as conferencias dos historiadores Suso Vila e Wanda Teplisky e a presentación do libro de Javier Bona “Las llaves de Sefarad” que reuniron a máis dun centenar de persoas.
Completou o programa a exposición “La colección de sambenitos de la catedral de Tui: historia, memoria e infamia”, que puidemos contemplar en Tui tras a súa presencia en Madrid, Llerena e Ávila e que axiña estará na cidade estremeña de Plasencia. Una exposición que foi visitada por diversos grupos escolares do noso municipio. Tamén se celebrou un novo concurso de fotografías, convocado pola Red de Juderias, tomadas no photocall instalado na Oficina de Turismo e que posibilita participar en diversos sorteos. E a Biblioteca Municipal acolleu unha exposición bibliográfica e audiovisual, na biblioteca de cinema “Daniel Domínguez”, sobre obras de autores xudeus e temática asociada a esta cultura.
A concelleira de Turismo e Patrimonio, Ana María Núñez, explica que os obxectivos destas actividades arredor do “Setembro xudeu”, como son poñer en valor a diversidade, a riqueza e a importancia histórica do acervo xudeu que atesoura a nosa cidade, están altamente cumpridos, agradecendo a participación da cidadanía nesta actividades.
Para a concelleira tudense esta programación contribúe moi positivamente á difusión e valorización do patrimonio cultural da nosa cidade onde o legado xudeu posúe especial relevancia. A integración de Tui na Red de Juderias de España – Caminos de Sefarad no ano 2019 ten contribuído moi positivamente á difusión do acervo patrimonial tudense sendo a única localidade da provincia de Pontevedra que forma parte desta rede.





