Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Éxito de participación na "Xornada europea da cultura xudía"

8/09/2008

CASE 300 PERSONAS PARTICIPARON NAS ACTIVIDADES DA “XORNADA EUROPEA DA CULTURA XUDÍA” CELEBRADAS EN TUI ESTA PASADA FIN DE SEMANA

 

Case 300 personas participaron en senllas visitas guiadas celebradas na nosa cidade ao abeiro da “Xornada europea da cultura xudía” o pasado sábado e onte domingo, organizadas pola Concellería de Cultura do Concello de Tui.

Así o sábado un grupo superior ás 60 personas asistiron no Museo Diocesano á visita guiada á colección de “Sambenitos” que estivo a cargo de Jesús Casás Otero, director do Museo. No decurso da súa intervención contextualizou a aparición dos “sambenitos” vencellados ao procesos da Inquisición e comentou a importancia destes lenzos, que estiveron pendurados das paredes da Catedral tudense – na súa condición de parroquia- coma testemuña dos procesos por prácticas xudaizantes contra a familia Coronel nos comezos do século XVII. Estas pezas son únicas en España e conforman unha colección de excepcional importancia para Tui e que testemuña a presenza de xudaizantes na Idade Moderna.

Onte domingo, máis de 200 personas, asistiron á visita guiada aos vestixios xudeus existentes no conxunto histórico tudense. Exerceu como guia o historiador Suso Vila Botanes, que comezou o seu percorrido na Porta da Pía falando a presenza inmediata á muralla naquela zona da sinagoga dos xudeos e o uso da “pía”, que da nome ao lugar, nos baños rituais hebraicos. De seguido no claustro da Catedral os participantes contemplaron a inscultura da “menorah” ou candeeiro de sete brazos, na rúa Entrefornos, antigua Triparía, coñeceron a zona onde se ubicaba a carnicería dos xudeus, pois para o consumo dos alimentos cómpre cumpran unha serie de rituais no sacrificio e elaboración –alimentos “kosher”- e finalmente rematou a visita na “Torre do xudeu”, que forma parte da muralla medieval tudense, e que hoxe está integrada nunha vivenda particular da rúa Tide.

Para o concelleiro de cultura tudense, Moisés Rodríguez Pérez, os obxectivos previstos coa celebración, por vez primeira en Tui, da “Xornada europea da cultura xudía”, están plenamente acadados. Por unha banda, o éxito de asistencia de publico evidencia o interese dos veciños de Tui e de numerosos visitantes por coñecer o noso patrimonio cultural e a súa significación histórica. En segundo lugar, con este actos Tui recupera o legado xudeu e patentiza a importancia que este colectivo tivo na conformación histórica da cidade. E, finalmente, actividades como esta xornada contribuien eficazmente á posta en valor do patrimonio tudense o que favorece a súa conservación.

Para o concelleiro tras o éxito desta “Xornada europea da cultura xudía” medra o interese do Concello tudense por sumarse á “Red de Juderías de España”, entidade que agrupa a 21 municipios españoles, que contan con testemuñas da presenza xudía amosando o legado histórico de Sefarad.

Moisés Rodríguez anunciou, por último, que na fin de semana do 20 e 21 de setembro celebraranse, por segundo ano, as “Xornadas europeas de Patrimonio” que contarán con novas visitas guiadas a lugares emblemáticos do noso patrimonio.