Facebook Twitter Vimeo Instagram Youtube

Éxito da iniciativa "Ágora os libros na praza" celebrada o pasado venres

27/04/2010

O CONCELLO DE TUI CONGRATÚLASE DO ÉXITO DA INICIATIVA "ÁGORA, OS LIBROS NA PRAZA DE SAN FERNANDO" CELEBRADA O PASADO VENRES CO GALLO DO DÍA DO LIBRO

 

Luns, 26 de abril de 2010. O Concello de Tui, a través do seu concelleiro de cultura Moisés Rodríguez Pérez, expresa a súa satisfacción polo éxito acadado o pasado venres 23 de abril pola iniciativa "Agora. os libros na Praza de San Fernando" celebrada co gallo do día do libro a iniciativa da Biblioteca Pública Municipal e as bibliotecas escolares do noso municipio.

 

Unha participación de alumnos de todos os centros públicos tudenses que superou os 1.500 alumnos que ateigaron á Praza de San Fernando con máis de 5.000 libros vellos e usados que aportaron cada familia e os diversos centros bibliotecarios participantes neste acontecemento.  Cómpre sinalar como todos os centros escolares acompañaron o depósito dos libros con diversas actuacións musicais, teatrais ou de lectura de textos ou recitado de poemas.

 

Pero de éxito pódese cualificar tamén a presenza na Praza de San Fernando, fronte a Catedral tudense, dun número superior de tudenses que se achegaron ata aquel lugar para contemplar o novo aspecto desta Praza e recoller algún dos libros alí depositados que fose do seu interese. O elevado número de cidadáns que acudiron a recoller libros provocou que practicamente a totalidade dos libros achegados fosen recollidos polos cidadáns.

 

A pretensión das bibliotecas organizadoras de achegar o libro aos cidadáns, de sacar á lectura do seu ámbito bibliotecario foi amplamente superada, confiando que os libros retirados polos cidadáns contribuían á extensión da lectura como unha ferramenta imprescindible para a formación persoal e como unha alternativa enriquecedora para o tempo de lecer.

 

Moisés Rodríguez Pérez agradece a participación dos centros escolares tudenses que se implicaron nesta primeira iniciativa conxunta da Biblioteca Municipal e das bibliotecas escolares, e confía que se manteña no futuro. Para vindeiros anos cumprirá modificar algúns aspectos da iniciativa para evitar os casos puntuais de abusos producidos por algúns veciños, pero certamente podemos afirmar, remata o concelleiro tudense, que esta iniciativa "Agora, os libros na praza" foi unha auténtica festa cultural que suscitou o interese dos tudenses.

 

Esta actividade forma parte da programación da Biblioteca Municipal tudense que baixo a denominación de "Mes do Libros" ten a súa vindeira cita mañá martes, ás 17,30 horas, na propia Biblioteca Municipal cun obradoiro onde os nenos participantes confeccionaran o seu propio libro.